A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de subvencións dirixida a impulsar e consolidar os servizos lingüísticos nas entidades locais, cun orzamento total de 350.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 7 de maio.
Segundo recollen as bases, o obxectivo desta medida é fomentar a creación e o reforzo de estruturas municipais dedicadas á normalización lingüística, tanto en concellos de maneira individual como en agrupacións. A iniciativa inscríbese no marco das accións previstas no Pacto pola Lingua e responde á vontade do Goberno autonómico de apoiar o papel da administración local como espazo prioritario de dinamización lingüística, pola súa proximidade á cidadanía.
A convocatoria permitirá que as entidades locais opten a financiamento para poñer en marcha novos servizos lingüísticos ou consolidar os xa existentes. Estes departamentos técnicos teñen como finalidade planificar, xestionar e avaliar accións orientadas ao incremento do uso do galego, tanto no funcionamento interno das administracións como na súa relación coa sociedade.
No caso dos concellos que xa dispoñen deste tipo de servizos, as axudas poderán destinarse a dar continuidade ás iniciativas en marcha ou a reforzalas, incluíndo a posibilidade de incorporar novo persoal técnico que permita ampliar o alcance das actuacións.
En canto aos proxectos subvencionables, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece que deberán centrarse en accións de dinamización lingüística, que poderán adoptar diferentes formatos. Así, inclúense tanto propostas materiais —como libros, audiolibros, xogos ou representacións artísticas— como iniciativas no ámbito dixital, con especial presenza en soportes electrónicos, páxinas web ou redes sociais.
Na convocatoria do pasado ano, esta liña de axudas chegou a 87 concellos.