O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do festival que servirá de peche á cuarta edición de ‘Modo galego, actívao!’, unha iniciativa destinada a fomentar o uso do galego entre a rapazada. A cita terá lugar o venres 17 de abril na explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns e contará coa participación de máis de 2.500 alumnos e alumnas, xunto coas súas familias, profesorado e monitorado do municipio.
O evento, organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, coa colaboración da Xunta de Galicia, desenvolverase entre as 17:30 e as 20:00 horas, con apertura de portas ás 17:00. Sobre o escenario actuarán Uxía Lambona e a Banda Molona, A Gramola Gominola e As Maianas, estas últimas responsables da canción do programa, “Falo galego porque quero!!”.
Todo o alumnado dos centros educativos de Ames recibirá un convite para asistir acompañado das súas familias, nunha xornada que busca trasladar o uso da lingua galega tamén aos espazos de lecer.
A cuarta edición do programa rematou o pasado 6 de febreiro tras mobilizar arredor de 2.700 estudantes, con participación de preto de 300 docentes e 200 profesionais da educación non formal. Durante catro semanas, o alumnado dos 11 centros públicos do concello asumiu o reto de empregar o galego de forma habitual tanto na escola como no ámbito cotián. Como peche das actividades, cada centro celebrou unha foliada conducida polas pandeireteiras de As Maianas e asociacións locais.
Nesta edición incorporouse tamén como novidade a participación de usuarios das escolas deportivas municipais, ampliando así o alcance do programa máis alá do ámbito educativo formal.
Durante a presentación, a coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, María López-Sández, destacou o percorrido dunha iniciativa que se remonta a 2018 e que xa serve de referencia para outros concellos, entre eles Santiago de Compostela. “Ames é o corazón, é o comezo do éxito deste programa. Traballarmos pola lingua é algo que nos implica a todos, non só no horario escolar”, afirmou.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que o festival supón “un paso importante na normalización do idioma” e expresou a vontade de que a iniciativa continúe medrando e se estenda a outros municipios.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu na necesidade de crear espazos nos que a mocidade poida empregar o galego con normalidade: “Debemos crear contornas de seguridade para que os rapaces e rapazas se comuniquen en galego con comodidade”.
Na mesma liña, a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, subliñou que “a lingua hai que festexala”, mentres que representantes dos grupos participantes apostaron por seguir impulsando este tipo de propostas.