Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A RAG amplía a súa investigación lingüística aos concellos pequenos co acordo con Rois

O Concello de Rois colaborará coa Real Academia Galega (RAG) na elaboración dun mapa sociolingüístico escolar que analizará o uso e as actitudes cara á lingua galega entre a poboación máis nova do municipio. O proxecto, coordinado polo Seminario de Sociolingüística da RAG, supón o primeiro acordo deste tipo cun concello de menos de 5.000 habitantes.

No acto de presentación participou a académica María López-Sández, coordinadora do Seminario, xunto con representantes institucionais. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou que esta investigación busca “servir de base para unha mellor planificación das accións de normalización do galego” e subliñou a relevancia de levar este tipo de estudos ao ámbito rural. “Somos conscientes do esforzo que significa para Rois e agradecemos a súa implicación”, afirmou, ao tempo que salientou que o proxecto permitirá analizar “por primeira vez o estado da nosa lingua entre a poboación máis nova dun municipio de carácter marcadamente rural”.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, incidiu na utilidade do mapa para orientar políticas locais de promoción lingüística. “Queremos saber cal é o punto de partida de Rois no que atinxe ao uso do galego e ás actitudes cara ao noso idioma dos 409 alumnos e alumnas menores de 16 anos que temos nos centros educativos do municipio”, explicou. O rexedor tamén puxo en valor que o concello sexa pioneiro entre as localidades de menor tamaño en participar nesta iniciativa.

Na mesma liña, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou a importancia de implicar a infancia e as familias nos procesos de transmisión lingüística. Segundo indicou, é necesario “contar coa cativada na posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura”, e lembrou programas xa en marcha como ’21 días co galego’, ‘Falamos +’ ou a plataforma Xabarín.gal, orientados a fomentar o uso do idioma entre a mocidade.

O proxecto de Rois enmárcase nunha liña de investigación iniciada pola RAG en 2021 coa publicación do primeiro mapa sociolingüístico escolar de Galicia, realizado en colaboración co Concello de Ames. Aquel traballo deu lugar ao programa ‘Modo galego, actívao!’, centrado na experimentación de accións de dinamización lingüística replicables noutros contextos.

Desde entón, a Academia ampliou o alcance destas investigacións. Na actualidade está a desenvolver o mapa de Santiago de Compostela e, no que vai de ano, asinou acordos cos concellos de Pontevedra e Carballo, aos que se suma agora Rois como quinto municipio participante.

Os mapas sociolingüísticos escolares baséanse en enquisas dirixidas a alumnado, profesorado e familias, co obxectivo de identificar os factores sociais e educativos que inflúen no uso do galego. Estes estudos permiten detectar dinámicas de substitución lingüística e orientar políticas públicas que favorezan a súa transmisión e uso nas novas xeracións.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.