Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

‘Territorio Regueifa’ estrearase finalmente en febreiro de 2026 no FIOT de Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) retomará en febreiro de 2026 a estrea absoluta do espectáculo ‘Territorio Regueifa’, unha produción escénica centrada na improvisación oral e na tradición da regueifa. A función terá lugar o venres 6 de febreiro, ás 21:00, no Pazo da Cultura de Carballo.

A peza é unha coprodución do FIOT, Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, baixo a dirección de José L. Prieto, e conta coa interpretación de Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, tres nomes vencellados á música e á improvisación oral en Galicia. A estrea estaba inicialmente programada para o pasado mes de outubro, no marco da 34ª edición do FIOT, mais tivo que ser cancelada por unha baixa médica dun dos intérpretes, xa recuperado. As entradas para esta nova data sairán á venda no mes de xaneiro.

Segundo a información facilitada pola organización, ‘Territorio Regueifa’ busca achegar a maxia da improvisación oral a novos públicos, presentando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de combinar humor, emoción e coñecemento nun formato participativo e festivo. O espectáculo combina o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, para ofrecer ao público unha visión contemporánea dunha expresión cultural de longa tradición en Galicia.

A proposta pon o foco en Carballo e na comarca de Bergantiños, territorios recoñecidos pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e oral, onde a regueifa se mantén activa tanto a través de regueifeiros tradicionais como mediante proxectos de revitalización. Neste contexto, o FIOT impulsa esta creación como unha inédita proposta escénica que dialoga co lema da edición do festival, centrado na raíz como orixe da identidade propia e colectiva.

O espectáculo articúlase arredor da improvisación en verso, entendida como unha disputa dialéctica oral entre participantes, e integra humor, música, teatro e o espírito festivo característico da regueifa. A produción corre a cargo de Ainé Producións, a empresa dirixida por Xosé Antonio Touriñán, cunha traxectoria de máis dunha década no ámbito das artes escénicas e cunha liña de traballo vencellada á lingua e á cultura galegas.

A estrea de ‘Territorio Regueifa’ insírese na programación dun festival que conta con máis de tres décadas de historia. O FIOT, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración do Concello de Carballo, consolidouse desde 1992 como un dos principais festivais teatrais de Galicia. Ao longo dun mes de programación, reúne arredor de 40 espectáculos e numerosas actividades paralelas, convertendo Carballo nun referente das artes escénicas durante o outono.

Nas súas 33 edicións celebradas, o FIOT contou coa participación de máis de 350 compañías e artistas, tanto de Galicia como do resto do Estado e do ámbito internacional, e acolleu estreas absolutas e no territorio galego. O festival foi recoñecido con diversos galardóns, entre eles o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas e a Insignia Cultural da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022.

Con esta estrea adiada, o FIOT reforza a súa aposta pola creación contemporánea vencellada á tradición, abrindo o escenario a propostas que conectan o patrimonio cultural inmaterial co público actual.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.