A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con organizacións como Ciemen, Kontseilua, Escola Valenciana e Iniciativa polo Asturianu, trasladou hoxe ao Congreso dos Deputados a súa petición dun “debate profundo” que permita ao Estado “mudar todo canto for preciso para garantir iguais dereitos e deberes” ás linguas oficiais e ás que reclaman este recoñecemento nos seus territorios.
A mobilización produciuse coincidindo co debate para a toma en consideración do Proxecto de Lei Orgánica de garantía do plurilingüismo e dos dereitos lingüísticos da cidadanía, previsto para esta tarde. As entidades quixeron, deste xeito, lembrar os incumprimentos reiterados de diversos compromisos internacionais, entre eles a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, sinalados periodicamente tanto polo Comité de Expertos do Consello de Europa como polo Comité de Ministros.
As organizacións advertiron de que o actual marco xurídico estatal continúa a ser contrario ás recomendacións europeas, polo que consideran necesarias “mudanzas estruturais para o verdadeiro recoñecemento da pluralidade lingüística, con iguais dereitos e deberes”. Subliñaron que estas reivindicacións xa foran presentadas en 2021 coa Proposición non de lei pola igualdade das linguas, aprobada parcialmente polo Congreso, onde se reclamaba unha actuación máis comprometida de todas as administracións.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, destacou que o debate parlamentario de hoxe “abre a posibilidade dun debate profundo para garantir a oficialidade plena e real e o dereito a vivir nas nosas linguas nos nosos países sempre e en todo lugar”. Sinalou que o avance neste ámbito é esencial para afrontar o que cualificou de emerxencia lingüística.
Maceira alertou das barreiras actuais que, ao seu xuízo, limitan o uso do galego: menos do 1% dos trámites na xustiza, unha presenza do 0,04% nas canles de TVE, e a ausencia de requisitos de competencia lingüística para o persoal da Administración do Estado destinado en Galicia. Por iso, pediu ao PP —e en particular ás deputadas e deputados galegos— coherencia co voto emitido na PNL pola igualdade das linguas en 2021 e cos obxectivos do Plan de Normalización da Lingua Galega de 2004.
Segundo afirmou, “un voto contrario a tomar en consideración esta lei sería un voto contra a oficialidade e a presenza do galego na xustiza, na administración, no ensino ou no audiovisual”. Maceira concluíu reclamando que o Congreso aproveite esta oportunidade para avanzar nun sistema lingüístico estatal que recoñeza plenamente a diversidade.