O galego continúa a gañar peso na actividade docente da Universidade de Santiago de Compostela e acada xa o 29,2% das horas impartidas, a porcentaxe máis elevada de toda a serie histórica. Así o recolle o ‘Informe sobre o Uso do Galego’, elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) a partir dos datos do último curso académico.
Segundo o documento, a presenza do galego medrou de forma significativa nos dous últimos cursos, tras varios anos de estabilidade. Este avance reflíctese especialmente en tres grandes áreas de coñecemento nas que a lingua propia se consolidou como ferramenta principal ou moi relevante de docencia.
Un dos indicadores máis salientables é o número de centros que superan o 50% das horas impartidas en galego. Se no curso 2023-2024 eran cinco, no actual son xa dez facultades ou escolas as que se sitúan por enriba deste limiar. Esta tendencia permite que case o 40% do estudantado da USC reciba clase nun centro onde o galego é maioritario.
A evolución non é idéntica nos dous campus. No de Lugo, a porcentaxe de docencia en galego chega ao 39,3%, mentres que no de Santiago se sitúa no 27,4%. En termos absolutos, o incremento supón máis de 20.000 horas adicionais en galego, o que representa un 19% máis respecto ao curso 2024-2025.
O SNL lembra que cada docente debe indicar a lingua de impartición ao comezo do curso académico, no proceso de programación das materias. Esa información publícase no sitio web da USC antes do período de matrícula, co obxectivo de garantir transparencia e ofrecer ao estudantado datos claros para tomar decisións sobre o seu itinerario formativo.