Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

As Escolas Católicas celebran no Consello da Cultura Galega a XXI Xornada de Normalización Lingüística

A sede do Consello da Cultura Galega acolleu hoxe, 21 de novembro, a celebración da XXI Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas Galicia, un encontro anual no que profesorado e centros educativos vencellados a esta rede comparten experiencias e estratexias para o fomento do galego no ámbito escolar. As xornadas deron comezo ás 9:30 cun acto de inauguración no que interviron Juana Otero, secretaria autonómica de Escolas Católicas, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Valentín García, secretario xeral da Lingua.

Na súa intervención duranta inauguración, Rosario Álvarez fixo referencia ao traballo desenvolvido polo Consello da Cultura ao longo deste ano arredor da situación do galego. A presidenta explicou que a institución presentou tres documentos de análise, entre eles un sobre “competencias” lingüísticas nun marco comparativo con outras linguas do Estado, outro sobre a oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego, e un terceiro centrado no funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística da Administración pública e dos equipos de dinamización nos centros educativos. Álvarez sinalou que estes estudos pretenden ser ferramentas prácticas para orientar actuacións e destacou o papel do foro ‘Un País coa súa língua’, presentado este outono como espazo de debate e propostas.

A presidenta do CCG tamén encadrou a xornada dentro do calendario das Letras Galegas 2026, dedicado á figura de Begoña Caamaño. No acto inaugural, Álvarez subliñou diferentes dimensións da autora homenaxeada, que cualificou como unha voz relevante na cultura contemporánea, incidindo no seu perfil xornalístico, literario e de compromiso coa lingua. Ademais, referiuse ao papel da poesía oral cantada e do canto improvisado, sobre os que xirará unha parte do programa do Día das Letras, e trasladou un recoñecemento á Asociación Oral de Galicia.

Pola súa banda, Valentín García felicitou á organización pola continuidade dunhas xornadas que, segundo indicou, contan cun programa “moi completo” e cunha liña temática centrada na tradición oral e nas expresións patrimoniais da lingua. O secretario xeral da Lingua puxo o foco na transmisión interxeracional como un eixo clave da normalización e sinalou a importancia da escola como espazo de socialización lingüística máis alá das horas de aula. Na súa intervención, mencionou tamén os datos que amosan un nivel elevado de coñecemento do galego acompañado dunha menor presenza no uso cotián, e situou o ensino como un dos ámbitos con capacidade para actuar sobre esa realidade, tanto nas actividades lectivas como nos tempos de recreo ou de convivencia do alumnado.

García referiuse igualmente á figura de Caamaño como unha homenaxe que considera útil para achegar ao alumnado unha autora contemporánea vencellada a valores como o feminismo, a comunicación e a defensa da lingua, e apuntou que o ano 2026 estará marcado tamén por outras efemérides culturais que poden servir para reforzar a visibilidade do galego nos centros.

No peche da inauguración, Juana Otero agradeceu a presenza das autoridades e do profesorado participante e destacou que os centros vinculados ás Escolas Católicas comparten un compromiso coa educación e coa lingua. Otero afirmou que “ninguén ten exclusividade sobre o idioma, porque é un patrimonio común” e chamou a “desbotar prexuízos” arredor do galego, defendendo que debe situarse por riba de “ideoloxías e cálculos políticos”. A representante da entidade organizadora salientou o labor dos equipos de dinamización lingüística como “piares fundamentais” da normalización nos centros e presentou esta xornada como un encontro formativo consolidado dentro do seu plan anual.

Tras o acto inaugural, o programa da XXI Xornada continúa ao longo do día con diferentes relatorios e actividades. Ás 10:00 horas abriuse o espazo dedicado ás Letras Galegas 2026 baixo o título ‘Begoña Caamaño, a voz das silenciadas’, a cargo de Uxía Domínguez Senlle. Seguiralle a presentación ‘Que grande, Begoña!’, unha experiencia do Colexio Amor de Dios de Vigo, con María Navarro.

A sesión inclúe tamén un relatorio sobre tratamento integrado de linguas e normalización (Igtca), a cargo de Valentina Formoso, e unha presentación de materiais didácticos sobre Letras Galegas 2026, con Paco Guitián e o Seminario Galán. A partir das 13:30 horas celebrarase a entrega dos Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego, patrocinados por Rodeira-Edebé.

Ao mediodía, as xornadas reservan un espazo práctico co obradoiro de regueifas, conducido por Lupe Blanco, e coa homenaxe á Asociación Oral de Galicia, antes da clausura prevista para as 15:00.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.