Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A plataforma Queremos Galego denuncia que só o 0,09% dos orzamentos da Xunta se dedica á lingua

A plataforma Queremos Galego denunciou esta mañá que os orzamentos da Xunta para 2026 “confirman que o Goberno galego non ten intención de enfrontar a emerxencia lingüística”. O voceiro da entidade, Marcos Maceira, advertiu en rolda de prensa que “a ausencia de calquera referencia á lingua na lei de medidas fiscais que acompaña os orzamentos, agás para eliminar o seu coñecemento como requisito nas listas de contratación da Xunta, é significativa”. Segundo sinalou, “só o 0,09% do total dos orzamentos se dedica á promoción do galego, e mesmo así o idioma só se menciona para excluílo ou dotalo raquiticamente”.

A plataforma, que agrupa múltiples organizacións en defensa da lingua, acusa a Xunta de non cumprir o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) aprobado en 2004. Entre outras medidas, o plan prevía incorporar cláusulas de uso do galego en todos os contratos, convenios e axudas públicas, algo que, segundo Maceira, “non suporía incremento do gasto pero tería un claro efecto multiplicador na presenza do galego en todos os ámbitos sociais”. Pola contra, afirmou, “se estes orzamentos responden a algún plan é só ao do pretendido enterro do galego”.

O voceiro de Queremos Galego lembrou que, malia as palabras do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, que presentou o investimento en lingua como parte dun proxecto “amplo e transversal”, este limítase en realidade ao programa 151A de fomento do galego, xestionado en solitario pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). “Non só non é transversal”, denunciou Maceira, “senón que é o programa de menor contía dentro da propia Consellaría, situándose na posición 78 de entre os 108 incluídos nos orzamentos”.

A dirección orzamentaria, engadiu, é contraria ao acordado na asemblea multitudinaria celebrada por Queremos Galego en novembro de 2024 en Compostela, na que miles de persoas e centos de colectivos reclamaron garantir os máximos niveis de docencia en galego, o pleno dereito de uso da lingua en todos os servizos públicos e unha presenza mínima do galego nos medios e plataformas audiovisuais.

Maceira salientou tamén a “ausencia transversal” do galego en áreas como xustiza, sanidade, deportes, inclusión social ou economía, e puxo como exemplo a falta de financiamento para traducir o software de xestión da Administración de Xustiza, malia que o conselleiro reiterou o seu compromiso coa tradución e implementación en galego do programa Atenea.

No ámbito educativo, a plataforma denuncia que a Xunta reduce a 450.000 euros as achegas á dinamización lingüística nos centros, o que supón 2,6 euros por estudante de ensino obrigatorio ou 375,62 euros por centro, e 230.000 euros menos que en 2004. Na administración local, os 350.000 euros consignados só permitirán apoiar servizos de normalización en trinta concellos galegos, con contías de entre 3.000 e 9.500 euros por municipio.

Queremos Galego critica tamén a redución do orzamento da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e lembra que segue sen existir o departamento de formación e planificación lingüística previsto polo PXNLG. As chamadas “actividades de formación para a normalización e dinamización lingüística” manteñen a mesma partida que en 2025, un 40% menos que en 2004.

No sector económico, Maceira sinalou que, aínda que a Consellaría anunciou a creación dun selo de empresa en galego, non aparece ningunha medida concreta na memoria de beneficios fiscais. Non se prevén bonificacións nin plans de axuda para o uso das TIC ou a facturación en galego. “A ausencia destas medidas non impide que se destinen 1,35 millóns de euros en transferencias correntes a empresas privadas en programas de promoción do galego”, subliñou.

Segundo os cálculos da plataforma, as actuacións en materia de lingua limitadas ao programa 151A representan 0,9 euros por cada 1.000 de investimento público, unha cifra máis de 30% inferior á dos últimos orzamentos do goberno de Fraga en 2004. “As partidas que máis medran”, concluíu Maceira, “son as destinadas á propaganda, ás transferencias a empresas privadas e a estudos sen medidas concretas, mentres as accións directas de promoción da lingua apenas contan con 53.000 euros, e a edición en galego dispón de 300.000 fronte ao 1,2 millón de 2004”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.