A Xunta de Galicia artellará durante todo o mes de novembro máis de 60 actividades co gallo do Mes da Ciencia en Galego, unha iniciativa que se desenvolverá tanto nas bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como nas bibliotecas escolares dos centros educativos. O anuncio realizouno este mércores o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a presentación do programa na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago.
O responsable autonómico salientou o obxectivo de “sacar proveito destas centrais de coñecemento para derrubar clichés arredor da divulgación científica e do uso da nosa lingua nestas disciplinas”. Engadiu que as propostas “apostan por experimentar e divertirse entre os andeis das bibliotecas, rompendo cos falsos estereotipos arredor dos contidos científicos”, e que, a través de obradoiros prácticos e lecturas, “preténdese demostrar como o galego é unha ferramenta totalmente válida para a ciencia”.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación do servizo de ‘A Furgoteca’, que se suma á programación das sete bibliotecas públicas da Xunta: a Biblioteca de Galicia e a Ánxel Casal en Santiago; a Miguel González Garcés na Coruña; a de Lugo; a Nós en Ourense; a Antonio Odriozola en Pontevedra; e a Juan Compañel en Vigo.
O programa permitirá que veciñanza e colexios de 30 concellos do rural das provincias de Lugo e Ourense poidan participar nunha veintena de actividades itinerantes, entre as que se inclúen experimentos científicos, obradoiros de robótica e reciclaxe, e sesións sobre física, alquimia moderna ou astronomía. Segundo explicou Lorenzo, moitas destas accións “farán fincapé no papel de mulleres pioneiras da ciencia”. Toda a programación pode consultarse nas webs das bibliotecas participantes e na axenda de cultura.gal.
Ciencia e galego dende as bibliotecas escolares
Durante a presentación, Anxo M. Lorenzo tamén puxo en valor o papel das bibliotecas como espazos de divulgación científica diaria, con libros e recursos en galego dispoñibles para o público. Lembrou ademais que, dende 2014, cada novembro se promove o coñecemento científico nas escolas a través da colaboración entre os equipos de dinamización lingüística e as bibliotecas escolares.
Nesta liña, os centros de ensino de primaria e secundaria acollerán ao longo do mes publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast e concursos co fin de fomentar o traballo en equipo e a aprendizaxe práctica en torno á ciencia e á tecnoloxía en lingua galega.
O manifiesto desta edición leva a sinatura de Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial e catedrática da Universidade de Vigo, onde dirixe o Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluidos. A súa autoría pon o foco na relevancia da investigación e da innovación en galego como vehículo para a creación de coñecemento e o desenvolvemento social.