Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Medra da actividade nas bibliotecas galegas: case 4 millóns de visitantes

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou este mércores, 27 de novembro, a evolución dos indicadores de actividade entre o 2019 e o 2023 dentro da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Esta está composta polas bibliotecas xestionadas dende a administración así como por diferentes servizos como ‘AsFurgotecas’ ou a plataforma dixital ‘GaliciaLe’, mantén unha tendencia aumentativa do número de usuarios, préstamos e actividades.

Por mor da pandemia, o confinamento e as restricións de mobilidade, a rede non comezou a percibir un maior movemento e actividade ata o 2021. O titular de Cultura da Xunta argumentou que en todos os indicadores estatísticos aportados polo 94 % das 313 bibliotecas desta rede pública “evidénciase esta evolución positiva”.

Un servizo a máis de 840.000 lectores

En concreto, puxo en valor os últimos datos analizados no informe, os referidos a 2023, xa que amosaron que, na actualidade, contan cun total de 846.441 persoas usuarias, “o que supón o 31,3 % da poboación”. Este numero dá testemuño dun incremento do 4,6 % con respecto a 2022, ano no que xa se rexistrara o aumento do número de carnés, ao igual que en 2021.

O documento revela, asemade, unha “significativa alza” no número de préstamos de libros, folletos, publicacións periódicas, documentos sonoros e audiovisuais que conforman a colección das bibliotecas. En 2023 rexistráronse máis de 150.000 prestameiros activos, “o que supón que son un 12,9% máis que no ano anterior”. Ademais, realizáronse máis de 2,1 millóns de préstamos en total, “recollendo un suba de 8,8 % con respecto aos de 2022”.

Nas seis bibliotecas centrais territoriais, situadas nas seis cidades principais do territorio autonómico, contabilizáronse no 2023 un total de 269.125 persoas que fan uso dos seus servizos, o que supón un incremento do 3,4 % con respecto ao ano anterior. Un aumento que tamén se rexistra nos préstamos, nun 5,2 %, e tamén no número de visitantes, que alcanzaron un total de 1.179.061 persoas, o que supón unha suba do 14,2 % con respecto as cifras acadadas en 2022.

6.600 lectores a través de ‘As Furgotecas’ postas a andar no rural

Sobre os servizos ofertados de forma paralela, o concelleiro destacou o aumento dun 67,16% no material dispoñible dentro da plataforma ‘GaliciaLe’, que suma tamén máis de 51.000 usuarios, último dato rexistrado no 2023. Ao respecto do proxecto iniciado nese ano, ‘As Furgotecas’, López destaca a “boa acollida” nos diferentes concellos lucenses e ourensanos de menos de 5.000 habitantes nos que foi desenvolto, acadando os 15.000 préstamos e máis de 6.600 persoas participantes.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.