A Secretaría Xeral da Lingua publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 8 de outubro de 2025, pola que se convoca a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega de nivel 4 (Celga 4). Esta nova edición, en formato telemático, contará cun máximo de 100 prazas dispoñibles e celebrarase no cuarto trimestre do ano, en data aínda por determinar, que será comunicada a través do Portal da Lingua Galega.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante dez días hábiles, entre o 17 e o 30 de outubro, e deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, as persoas interesadas deberán formalizar unha segunda inscrición na plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua (https://formacion-lingua.xunta.gal).
Segundo recolle a resolución, no caso de que o número de solicitudes superase as prazas dispoñibles, estas asignaranse mediante un sorteo aleatorio puro.
A proba en liña do Celga 4 seguirá os mesmos parámetros que as probas presenciais, e as persoas seleccionadas recibirán con antelación as instrucións detalladas para o seu desenvolvemento. Para participar, será necesario dispoñer dun equipo informático que cumpra os requisitos técnicos establecidos na convocatoria.
O Celga 4 acredita un nivel avanzado de competencia lingüística en galego, equivalente ao C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), e é o máis demandado nas convocatorias oficiais.
A Secretaría Xeral da Lingua lembra que as persoas interesadas poden dirixirse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para solicitar información adicional.
Para consultas, están dispoñibles os teléfonos 881 996 313, 881 996 308, 881 996 307, 881 996 541, 881 996 309, 881 996 310 e 881 996 304, así como o correo sxpl.probascelga@xunta.gal.