A redactora e creadora de contidos de Neofalantes.gal, Jessica Fernández, foi entrevistada por Radio Burela no marco do ProxectoNeo, promovido por Bernardo Penabade.
ProxectoNeo é o programa radiofónico da comunidade neofalante que ten lugar cada tarde coa colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro e elixiron desta vez entrevistar a unha das persoas que levan o peso de Neofalantes.gal.
Este proxecto, que nace desde o laboratorio de Novos medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e co apoio da Secretaría xeral de Política Lingüística, ten como obxectivo unir aos neofalantes, sexan galegos ou doutras partes de España e do mundo e isto foi o que contou Jessica Fernández na súa entrevista, onde tamén aproveitou para falar das súas experiencias entrevistando a neofalantes.
Destacou que o que máis lle ilusiona deste proxecto non é só ver como persoas de Galicia apostan, despois de anos falando castelán, polo galego; senón sobre todo ver a persoas estranxeiras que deciden vir a Galicia e apostan por integrarse na nosa cultura e aprender a nosa lingua con tanto agarimo, ou máis, do que moitos galegos acollen a lingua nai.
Pódese escoitar a entrevista enteira á nosa compañeira nesta ligazón a partir do minuto 45.