O Batallón Literario de Costa da Morte está de aniversario. E para conmemorar os 25 anos desta efeméride o vindeiro sábado 18 de decembro ás 18:00 horas no Parador, organizado por Parador de Turismo de Costa da Morte e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, haberá un recital poético acompañado por unha actuación musical.
A actuación musical correrá a cargo de Manoele de Felisa, que interpretará o seu último traballo discográfico ‘Cancioneiro do Camiño’. Mentres que, pola súa banda, os escritores da Costa da Morte Marilar Aleixandre -membro da Real Academia Galega-, Miro Villar, Concha Blanco, Alexandre Nerium, Estevo Creus, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, David Creus, Rafa Vilar e Modesto Fraga confirmaron a súa asistencia á celebración do aniversario.
A profesora e crítica literaria, Teresa Seara, encargarase de presentar un acto no que tamén
participarán Julio Castro, director do Parador de Costa da Morte, e Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Durante o acto presentaranse dúas importantes obras para conmemorar a efeméride do Batallón Literario: unha edición facsimilar conmemorativa de ‘Feros Curvos’, e unha antoloxía poética dos autores do Batallón Literario.
Segundo destacan dende Paradores, o acto transcorrerá cumprindo as medidas de aforo e seguridade anti Covid.