Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O éxito do Wordle en galego: “Por que non vai haber unha versión en galego?”

En xaneiro, o informático-programador Abraham Martínez decidiu crear a versión en galego do xogo dixital Wordle. Adiviñar unha palabra de cinco letras cada día é o obxectivo de dita aplicación, cuxa popularidade foi sorprendente. Cunha primeira versión en inglés, creada por The New York Yimes,  rápido comezou a ter as súas variantes no resto de idiomas. Ante isto, o ourensán Abraham Martínez viu necesario que tamén existise unha en galego.

Tras tres meses conquistando aos usuarios, Martínez valora o éxito do xogo. O ourensán supoñía que ao principio o público estaría interesado na aplicación, pero non esperaba que pasados tres meses o número de usuarios seguise a ser alto. A primeira semana, a aplicación chegou a rexistrar 17.000 usuarios ao día. Pasados tres meses, a cifra diaria mantense arredor dos 12.000. “Na segunda semana ata me parecía normal. O que me sorprende é que a día de hoxe os accesos seguen a ser moi altos”, comenta Martínez.

“Por que non vai haber unha versión en galego?”, preguntouse Abraham Martínez cando descubriu o xogo, tras ver nas redes como moitos usuarios compartían uns cadriños verdes. Ao coñecer a aplicación, e sendo consciente de que comezaba a aparecer noutras linguas, quixo que os galegofalantes puidesen gozar do xogo na súa lingua. A partir de aí, seguiu o rastro da aplicación e aproveitou que a versión en castelán estaba en código aberto para crear a adaptación.

“As linguas monoritarias téñeno bastante complicado nos medios dixitais”

O galego é unha lingua igual de válida para estes medios dixitais como pode ser calquera outra”, comenta. Porén, si que detecta que falta moito contido en galego na rede. “As linguas minoritarias téñeno bastante complicado nos medios dixitais, onde todo é moi volátil e non hai suficiente xente desenvolvendo contidos dixitais nestas linguas”, engade.

O Wordle Galego naceu para o Martínez como un proxecto extralaboral, o que non lle permite dedicarlle todo o tempo que lle gustaría. Polo de agora, o seu obxectivo é o mantemento da aplicación e a corrección de pequenos erros que vaian saíndo. A súa labor consiste tamén na elección manual, a partir dun listado que creou, das palabras  que saen nas nosas pantallas, desbotando as moi fáciles e moi difíciles. Tamén lle gusta pensar en palabras para días especiais, como foi o caso de TERRA o día da final do Benidorm Fest, onde actuaron as Tanxungueiras coa canción que leva ese nome.

O WORDLE EN GALEGO MÁIS ALÁ DAS REDES SOCIAIS

As estatísticas da aplicación amósanlle a Abraham Martínez que o Wordle en Galego tamén se goza máis alá das fronteiras de Galicia. Reino Unido, Estados Unidos, Portugal, Francia ou Arxentina son algúns dos países nos que os usuarios se conectan para acertar a palabra diaria de cinco letras. O informático intúe que se pode tratar de xente galega de viaxe ou vivindo no estranxeiro. Porén, tamén recibiu comentarios de usuarios non galegofalantes que cada día tentaban adiviñar a palabra, como é o caso dunha moza catalá que practicaba o galego a través da aplicación.

O que máis lle sorprende é o uso nas escolas, pois o Wordle Galego, como lle fixeron saber, tamén está presente nas aulas. Ademais de informático, Martínez é adestrador nas Escolas de Rugby de Ourense, e grata foi a sorpresa cando os rapaces lle contaron como cada día usaban a aplicación na escola. Pero maior foi a sorpresa dos cativos ao coñecer que o creador do xogo era o seu adestrador.

 

 

1 Comenta

  • Lourdes Paz Vidal
    Enviou 5 Outubro, 2023 ás 10:34

    O primeiro de todo declararme unha fan absoluta do Wordle en galego. O primeiro que fago ao abrir un ollo pola mañán e resolver a palabra do día. Estou “enganchada”!
    Téñollo recomendado aos meus alumnos ducias de veces…
    Pero gustaríame saber por que hai días que non funciona a aplicación.
    Un saúdo.
    Lourdes Paz

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.