Alba Rodríguez: “O galego abriume un mundo novo en Twitter, axudoume a coñecer xente estupenda”

Un chío de Twitter ás portas do aninovo do 2018 serviu para que Alba Rodríguez se comprometese consigo mesma a falar galego máis a miúdo. Van case tres anos daquel momento en que decidiu ser neofalante e hoxe en día séntese moi orgullosa de ter feito esta mudanza. Conta que as redes sociais foron as súas aliadas, como para outras moitas persoas neofalantes dixitais que atopan en Twitter, TikTok, Youtube ou Instagram comunidades amigas nas que botarse a falar en galego sen verse moi xulgadas. Na vida offline Alba si que bateu con prexuízos e cuestionamentos pola súa mudanza, mais tranquiliza: “Todo é pasaxeiro. En semanas as preguntas e comentarios acábanse!”. E aí empeza unha nova Alba, en galego e “con moita máis confianza” en si mesma. 

Alba, van facer xa tres anos daquel día en que comentaches por Twitter que o teu propósito de aninovo era falar en galego. Como era ata aquel momento a túa realidade lingüística?

Toda a miña vida falei en castelán, nunca antes tivera unha conversa en galego. Era tal a miña inseguridade co idioma que non era capaz de facelo nin na materia do colexio e do instituto. Os meus pais son galegofalantes, mais a min sempre se dirixiron en castelán porque querían que o aprendese ben antes ca o galego. Os meus compañeiros do colexio e instituto tamén falaban todos en castelán. Si que é certo que sabía que tres ou catro deles falaban en galego no seu fogar, mais comigo non o facían. 

Na Universidade foi onde tiven o meu primeiro contacto co galego de forma habitual. Tiña compañeiros galegofalantes que non eran da miña zona e cos que eu falaba a diario. Ademais, houbo un ano en que un dos profesores que tiña reivindicou o uso do idioma na clase e fíxome reflexionar bastante. Este profesor negouse a cambiar ao castelán só por ter tres persoas estranxeiras na aula. Moi amablemente, díxolles que a súa materia ía impartirse en galego e que se en calquera momento da clase non entendían algo podían levantar a man e preguntar, ou facer as titorías que necesitasen. E como dato: estas persoas sacaron algunhas das mellores notas do curso. Polo tanto, o idioma non lles supuxo ningún impedimento!

Que reflexións che provocou esa situación? Por que decidiches facerte neofalante?

Dinme conta da horrible tendencia que ten o noso idioma e de que, se nós non o coidamos, ninguén o fará.

Ti puxéchelo como propósito en Twitter e alcanzou moita repercusión.

Si. Antes de dar o paso tivera varios intentos que duraron horas, basicamente porque me dicían que volvese ao castelán polo moito que me custaba ou porque se me esquecía. Así que decidín que fose o meu propósito de aninovo para concienciarme a min mesma de que había que ir en serio. Por iso puxen o chío, para que non houbese marcha atrás. A verdade é que tres anos despois, pénsoo e creo que foi moi boa idea. Obviamente non me sentín obrigada en ningún momento a seguir falando en galego, pero o apoio recibido si que me animou a seguir facéndoo. 

Como foi o proceso? Que foi o que máis difícil che resultou ou che segue resultando?

O proceso foi complicado, non o vou negar. Dábame moita vergoña falar coa xente, porque como tiña que ir traducindo na miña cabeza do castelán ao galego, falaba moi lento, a trompicóns e con moitísimos erros. O máis complicado para min foi non dicir tempos compostos e non cambiarme ao castelán cando estaba triste ou enfadada, pero é parte do proceso e acábanse superando esas limitacións, por dicilo dalgún xeito. Agora mesmo, case tres anos despois, non penso que teña ningunha dificultade. O único, por poñerlle algunha pega, son os castelanismos, pero penso que moi poucas persoas falan un 100% en galego, se é que existe!

Con que trabas te atopaches ao longo deste tempo?

As trabas que me atopei tívenas sobre todo na época na que traballei de dependenta e teleoperadora. Houbo persoas que se creron superiores por falar en castelán e que se dirixían a min de malas formas. Polo demais, a miña vida seguiu sendo a mesma, o galego non me limitou en nada. Fixen o meu TFG en galego, no mestrado que realicei falei sempre en galego e as persoas que tiña ao meu carón seguen aí.

E na outra cara da moeda, cales foron as túas aliadas neste proceso? 

Twitter é unha boa aliada para dar o paso. Ao fin e ao cabo obtiven moito apoio e folgos na miña conta que me axudaron a non caer na tentación de dar pasos cara atrás nos peores momentos. O galego abriume un novo mundo nesta rede social, axudoume a coñecer a xente estupenda! Nunca mo imaxinara, a verdade. E a raiz do meu cambio de idioma tamén comecei a mudar certos costumes, como intentar comprar productos da nosa nación, como o leite.

Que é o máis gratificante de ter aprendido o galego e que che aportou a ti persoalmente?

Demostrarme que a pesar de ter un nivel moi, moi baixo de galego e un ambiente lingüístico castelanfalante, se pode conseguir cambiar e falar no teu día a día 100% en galego. E aportoume moita máis confianza en min mesma, por lograr a miña meta e tamén por todo o que implicou: entrevistas, falar en público… cousa que hai uns anos o vería como algo imposible co vergonzosa que era! Síntome mellor comigo mesma e síntome orgullosa de ser un gran de area que axudará a que o idioma perdure.

E como reaccionou o teu entorno a este cambio de lingua? Con que discursos te atopaches?

A reacción xeral da xente foi primeiro estrañarse de que algo cambiara en min e despois preguntar por que de repente o meu idioma era o galego. Os comentarios que tiven que soportar ían dende o típico de ‘Tía, habla como siempre’ ou ‘Joder, que raro se me hace que hables así’ ata botarlle a culpa á Universidade. Dicíanme que en cando acabase a carreira se me ía acabar a tontería. Pero xa hai moitos meses que non escoito comentarios dese estilo. Supoño que agora que eu fale galego xa se normalizou.

Que importancia cres que ten o fenómeno das persoas neofalantes no futuro da lingua?

Parécenme esenciais as persoas neofalantes, ainda que haxa xente que crea que estamos sobrevalorados. O porcentaxe de galegofalantes no seu día a día está en mínimos históricos, paréceme moi complicado que a lingua sobreviva tan só con esas persoas. Por iso, creo que aumentar o número de persoas que falen a cotío e en todos os aspectos da súa vida en galego pode ser un salvavidas para o idioma. Unha esperanza.

Que lle dirías a esa persoa que pode estar indecisa e non se atreve a dar o paso? 

Eu diríalles que non teñan medo nin vergoña. Calquera cambio leva consigo un proceso e non deben poñerse a barreira do ‘que dirán’ por diante do que desexan. Se o que queren é falar en galego, adiante! Que teñan claro que haberá comentarios de xente achegada e non tanto, e que terán que responder unha e outra vez por que o fixeches. Non vou enganar a ninguén nin dicir que todo é un camiño de rosas, pero si que podo dicir que é pasaxeiro, en semanas as preguntas e comentarios acábanse e en meses xa apenas terán que pensar en traducir. Está claro que haberá moitas formas de dar o paso e cada persoa pode buscar o xeito de sentirse máis segura. Para min propormo como propósito de aninovo foi un acerto seguro; así que… Agora que está a piques de acontecer un novo aninovo, por que non comezar nun idioma marabilloso?.

Un comentario en «Alba Rodríguez: “O galego abriume un mundo novo en Twitter, axudoume a coñecer xente estupenda”»

  • 1 Febreiro, 2022 ás 21:02
    Ligazón permanente

    Yo no hablo Gallego ni soy Gallega. . Lo estoy estudiando ya que me voy a presentar a una oposición a Galia para un puesto de trabajo. Al no ser de Galicia tengo que hacer un exámen en Gallego a parte del de la oposición.

    Si no me presento a ese examen no me admitirían. Por lo que desde este año he empezado a estudiarlo. Ya sea porque lo necesite o no me esta encantando aprender este nuevo idioma.

    Me ha encantado tu discurso que has echo de este video. Te lo agradezco muchisimo. Lo unico que me pasa es que aún no se escribirlo ni hablarlo mucho. Supongo que con el tiempo conseguiré terminando de hablarlo y escribirlo.

    Gracias al video tuyo he conseguido tener más ánimos para aprender mejor este idioma. Desde ahora estoy mas contenta. Espero que no te haya molestado mi comentario. Un saludo muy fuerte.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará