Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Acusan á Xunta de usar topónimos galegos con formas castelanizadas

“Selecciona tu Comarca”, pide a páxina web Muller Dixital, un programa impulsado pola consellaría de Emprego e Igualdade. Unha vez accedes ao buscador da comarca, como se require no cuestionario, poderás seleccionar entre lugares como Noya, La Coruña, Jallas, Órdenes ou Mellid.

A castelanización dos nomes sorprendeu a varias usuarias de Muller Dixital, unha web dirixida a mulleres para a súa formación en habilidades dixitais. A sorpresa é maior se se ten en conta que se trata dun programa da Xunta de Galicia e financiado polos fondos Next Generation.

Así o denunciaron dende Nós Diario, onde recollen queixas de usuarias que admiten que “só falta Sangenjo”. Consideran a tradución dos nomes unha “deturpación” do galego e dos seus topónimos, ao tempo que se incumpre a Lei 3/1983, do 15 de xullo, que recolle que os topónimos de Galicia teñen como forma oficial a galega.

Porén, recordan que non é a primeira vez que dende a Xunta se modifican os nomes de lugares en favor da versión en castelán, pois o pasado mes de febreiro os partidos BNG e PDdeG denunciaban o uso da forma “Sangenjo” por parte dun locutor nun programa financiado a través da publicidade do Xacobeo. Máis información en Nós Diario.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.