Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

(Vídeo) Cando ‘rghaif’ se converte en ‘regueifa’ e as crianzas musulmáns gozan co galego

Nihal Neggaz e Wiame Taoufiq son dúas rapazas de Marrocos, pero presumen de neogalegas e de galego. As dúas son alunas do IES Marco do Camballón, de Vila de cruzes, e as dúas decidiron romper tópicos e deixar claro que tamén hai fillos de migrantes, como elas, que poden falar, regueifar e gozar coa nosa lingua, sobre todo, se teñen similitudes co árabe.
E iso é o que explican neste fermoso vídeo no que dan vida ao proxecto Matrix “Do árabe ao galego: De rghaif a regueifa”. Nihal e Wiame explican a relación entre o árabe e o galego a partir da palabra de orixe norteafricana “rghaif”  que se converteu en “regueifa” e que chegou a finais do século VIII ao galego-portugués.  No vídeo, as alunas explican, ademais, a importancia do árabe como substrato na formación da lingua galega á que achegaron vocabulario de diversos campos como da alimentación (aceite, laranxa, café…) ou da ciencia (alcalino, álgebra, alcool…).
POUCOS RECURSOS
Desde o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón sinalan que levan varios anos a traballar a normalizacion da lingua co coletivo inmigrante. “Mais temos poucos recursos, materiais e atención por parte das institucións”, apuntan. “Ademais, a legalidade vixente discrimina o alumnado inmigrante pois se ben non estám suxeitos á exención de lingua española, a lei permite execcion durante dous anos de lingua galega. Isto supón unha subordinación real, e simbólica, da nosa lingua”, critican.
Afortunadamente, destacan que, no Camballón, o alumnado recén chegado galeguízase coa axuda dos seus iguais. Este vídeo, de feito  ten cono obxectivo que o alumnado galego falante fale galego coas súas compañeiras de Marrocos, China ou Venezuela.” Mais en centros onde o castelán é hexemónico, o sistema non protexe o dereito do alumnado a aprender e ser competente en galego. É un grave erro do noso sistema escolar”, denuncian.

A INICIATIVA DO IES MARCO DO CAMBALLÓN
Esta é a terceira iniciativa impulsada desde o proxecto Matrix que xestiona o IES Marco do Camballón con dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, motivar a falar a nosa lingua ao alumnado de recén chegado de territorios non galefo-falantes e, tamén, animar o alumnado galego-falante habitual do centro, a maioría, a falar galego co alumnado recén chegado para mellorar o seu proceso de integración e as súas habilidades comunicativas entre iguais.
O ano pasado o Proxecto Matrix traballou arredor de dúas actividades. A primeira, co adestrador do Depor, Imanol Idiakez, que mostrou a súa vontade de aprender galego e a quen o alumnado do Camballón enviou un vídeo regueifando e dando consellos para falar galego. A segunda, a elaboración dun vídeo onde aparecían varias persoas neofalantes do noso centro, alumnado e profesorado, mostrando a súas motivacións positivas cara á nosa lingua e algunhas das súas historias sociolingüísticas. A terceira, traballar co alumnado árabe do centro.
PROXECTO MATRIX
A principios do século XXI,  Neo, o protagonista de Matrix, converteuse en referente das persoas neofalantes. O primeiro acto Neofalante organizouno a “Via Anti-Colonial Activa” (VA-CA) a través da Sociedade Galega de Neofalantes “O Falo”, na que a imaxe de Neo, o protagonista de Matrix, presentaba o lema “Neofalantes somos todos”. No seu dia “O Falo” quixo erixirse en “uma plataforma aberta de mútua solidariedade e promoção das pessoas neofalantes”, ou sexa, daquelas que “se incorporaram ao nosso idioma nalgum momento da sua adolescência ou vida adulta, demostrando assim o seu interese, esforço e capacidade”.
Posteriormente, em 2005, o goberno da Xunta empregou a imaxe de Matrix para fomentar o neofalantismo co lema “Galeguiza a túa vida” e o sublema “Atrévete a descubrir a túa identidade”. Nos últimos anos a sociolingüística tense aproximado ao fenómeno do Neofalantismo pola súa importancia como movemento creador de novos falantes para a nosa lingua.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.