A asociación de veciños O Chedeiro, da parroquia pontevedresa de Cerponzóns, organiza este domingo 31 de agosto un acto de homenaxe ás persoas soterradas no cemiterio local, baixo o lema ‘En galego, agora e sempre. Restauración da Memoria Lingüística’.
O encontro, previsto para as 11.00 horas, arrincará cos repeniques do campaneiro Juan A. Losada desde a igrexa parroquial. Posteriormente, descubrirase unha placa conmemorativa na entrada do cemiterio, dedicada a quen “fixeron posible que Galicia siga tendo lingua e cultura propias”. Segundo explicou a entidade organizadora, trátase dun acto “de profundo respecto e compromiso coa nosa lingua”, ao que se convida toda a veciñanza.
Ademais, o evento servirá para substituír tres lápidas en castelán por outras en galego no panteón da familia coñecida como Os da Taberna da Rons. O Chedeiro lembra que na casa familiar, situada no lugar de A Rons, funcionou durante décadas unha taberna-ultramarinos que deu servizo a boa parte da parroquia. “Alí, entre produtos, conversas e encontros, falábase galego as 24 horas do día, sendo un espazo vivo de lingua e comunidade”, sinalan.
Está confirmada a presenza de diversas autoridades e representantes institucionais. En nome da Xunta de Galicia acudirá o secretario xeral da Lingua, Valentín García, mentres que pola Igrexa participará o vicario episcopal territorial de Pontevedra, Luís Seoane. Tamén asistirán a concelleira pontevedresa María Xosé Abilleira, o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Xoaquín Monteagudo, Ángel Solla (Alianza Evanxélica Española), Juan Laureano Perdiz (tanatorio San Marcos), o subdirector do Imelga en Pontevedra, David Costa, o maxistrado Xosé Xoán Barreiro e o secretario de O Chedeiro, Juan José Esperón.
O acto rematará cunha actuación musical do grupo Os de Algures.