Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Traducir na infancia: cando os menores fan de ponte lingüística

Nun instituto galego, unha rapaza acompaña a súa nai a unha reunión co profesorado. No centro de saúde, un neno explica ao médico o que lle pasa ao seu irmán. Noutros casos, unha adolescente transmite unha carta oficial chegada da administración ou interpreta nun comercio. Son escenas cotiás, pero poucas veces nomeadas: a intermediación lingüística por parte de menores, unha práctica habitual en contextos bilingües e migratorios que adoita permanecer invisibilizada.

Así o explica a investigadora Marta Estévez Grossi, autora do artigo ‘A intermediación lingüística por parte de menores en Galiza: un primeiro estudo exploratorio’, incluído no volume Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística. O seu traballo pon o foco nun fenómeno presente tamén na sociedade galega, tanto en relación coas migracións actuais como coa propia historia lingüística do país.

Un fenómeno global, tamén galego

A intermediación lingüística por parte de menores non é exclusiva de Galicia nin das comunidades migrantes. “Ocorre en todos os colectivos e en todas as comunidades bilingües”, explica Estévez Grossi. Mesmo no contexto galego-castelán, lembra, existen situacións informais nas que persoas bilingües “traducen ou interpretan o falado” no día a día.

Porén, é nos contextos de migración onde este fenómeno se fai máis visible: os nenos e nenas adoitan aprender antes a lingua maioritaria a través da escolarización e convértense en tradutores e intérpretes informais para as súas familias e, ás veces, para outras persoas da mesma comunidade lingüística. “Hai comunidades nas que se sabe que a filla de fulana vai ao médico e vai con todas”, resume.

A literatura internacional leva décadas estudando estas prácticas, especialmente en países como Estados Unidos. No Estado español, a investigación concentrouse maioritariamente en Cataluña, mentres que Galicia apenas fora analizada, malia ser unha comunidade bilingüe cunha fonda experiencia migratoria.

Responsabilidade, poder e dilemas

Un dos puntos clave do artigo é a elección do termo “intermediación” fronte a tradución ou interpretación. A autora subliña que estes menores non actúan de forma neutra, como faría un profesional, senón que están atravesados por lealdades familiares, conflitos éticos e relacións de poder.

“Non podes ser obxectiva cando estás interpretando para a túa nai ou para a túa irmá”, sinala. En moitos casos, os menores funcionan como filtros: deciden que transmitir, como facelo e que silenciar, tendo en conta as consecuencias emocionais e prácticas. Todo isto prodúcese en interaccións marcadas por fortes asimetrías de estatus, como as que existen entre unha persoa migrante e un profesional sanitario ou administrativo.

Esta carga pode resultar especialmente problemática en situacións delicadas. Estévez Grossi relata casos nos que menores tiveron que transmitir diagnósticos médicos graves ou comunicar unha denegación de asilo á súa propia familia. “Eses casos, loxicamente, non deberían recaer sobre nenos nin nenas”, afirma.

O estudo: que ve e que pensa o futuro profesorado

O artigo preséntase como un primeiro estudo exploratorio realizado no curso 2023/2024 con 33 estudantes do Mestrado de Profesorado de Secundaria da USC. A enquisa permitiu analizar tanto as experiencias vividas polo alumnado nos seus centros como as súas actitudes de cara ao futuro exercicio docente.

Os resultados mostran unha percepción desigual da diversidade lingüística: mentres parte do alumnado lembraba compañeiros que falaban linguas como árabe, francés ou portugués, outra parte non era consciente desa diversidade. Ademais, apareceron denominacións imprecisas das linguas, o que evidencia un coñecemento limitado dos repertorios lingüísticos presentes nas aulas.

En canto á intermediación lingüística, unha parte significativa do alumnado recoñeceu ter visto ou mesmo practicado estas tarefas, tamén entre galego e castelán, por exemplo no acompañamento de persoas maiores tras procesos migratorios. Isto amosa que a intermediación non é allea á realidade galega, mesmo fóra dos fluxos migratorios recentes.

O estudo revela unha visión ambivalente da intermediación lingüística. Entre as vantaxes, o futuro profesorado destaca o desenvolvemento da autoestima, a adquisición de vocabulario e a sensación de utilidade que poden experimentar algúns menores cando o seu papel é recoñecido e valorado.

Con todo, as desvantaxes pesan máis: demasiada responsabilidade, impacto psicolóxico, exposición a situacións non acordes á idade e posibles problemas de confidencialidade. Moitas respostas falan de ansiedade, estrés ou presión emocional.

Esta tensión reflíctese nun dato clave: malia adoptar un discurso crítico, o 85 % das persoas participantes admite que recorrería á intermediación lingüística na súa futura práctica docente en situacións concretas, sobre todo para a comunicación entre alumnado ou en emerxencias. A principal razón: a falta de recursos e protocolos alternativos.

O papel do galego nun contexto multilingüe

A investigación tamén abre unha reflexión sobre o papel do galego nos novos escenarios de diversidade. Para Estévez Grossi, xa non abonda con falar dun bilingüismo galego-castelán: “Hai máis linguas e o galego pode ser unha chave para a inclusión”.

As familias migrantes entran en contacto co galego desde o primeiro momento, a través da documentación e das institucións. Isto require, segundo a autora, sensibilización e pedagoxía, tanto dentro como fóra da escola, fronte á idea de España como un estado monolingüe.

Neste contexto, o galego pode funcionar como lingua de acollida, mais tamén como fonte de sorpresa para persoas que chegan con coñecementos de castelán pensando que serán suficientes. As reaccións varían segundo a lingua de orixe, o territorio e a presenza social do galego en cada contorno.

Unha das conclusións centrais do traballo é a necesidade de deixar de depender da improvisación. Estévez Grossi defende a creación de servizos centralizados de tradución e interpretación para os centros educativos, con profesionais remunerados e sistemas de cita previa para reunións planificables.

Recoñece que existen obstáculos, entre eles o custo económico e a falta de concienciación, pero lembra que estes servizos funcionan noutros países e nalgúns ámbitos concretos. “Cando traduce un neno, é gratis, pero iso ten un custo oculto”, resume.

A autora tamén chama a atención sobre un discurso recorrente: a idea de que as persoas migrantes “non queren aprender a lingua”. Fronte a iso, lembra as múltiples casuísticas —precariedade laboral, falta de tempo, analfabetismo na lingua de orixe— e establece un paralelismo coa emigración galega en Europa, onde moitas persoas pasaron décadas sen dominar a lingua do país de acollida.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.