O simposio anual do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) desenvolverase do 28 ao 30 de novembro baixo o lema ‘Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas’. Este encontro aborda o papel das identidades e das ideoloxías lingüísticas nas dinámicas de variación e mudanza lingüística en contextos de contacto lingüístico.
Alén diso, propón unha reflexión sobre as identidades e ideoloxías lingüísticas das persoas falantes de linguas minorizadas, destacando a intersección con outras identidades, como étnicas e de xénero. A diversidade lingüística e o uso de repertorios lingüísticos en contextos de contacto lingüístico tamén son temas tratados, xuntamente co multilingüismo, a interculturalidade e a superdiversidade lingüística.
Este encontro aborda o papel das identidades e das ideoloxías lingüísticas nas dinámicas de variación e mudanza lingüística en contextos de contacto lingüístico
Esta vixésimo terceira edición dos simposios do ILG terá lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC e o acto inaugural terá lugar a partir das 15.00 horas do día 28. O relatorio de apertura correrá a cargo de M. Carmen Parafita Couto e levará por título ‘Multilingüismo: factores gramaticais, cognitivos e discursivos’.
A inscrición debe realizarse a través dun formulario electrónico entre o 23 de outubro e o 23 de novembro de 2023. Entregaráselle un certificado de participación a aquelas persoas que asistan ao 80% das sesións.