Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Simón Rodríguez: “O galego foi a miña maneira de deixar de sentirme estranxeiro”

O escritor e artista Simón Rodríguez Landaeta, orixinario de Venezuela, chegou a Galiza en 2019 cun obxectivo académico, pero tamén cun proceso persoal que acabaría por transformar a súa relación coa lingua e coa identidade. Instalado en Lugo tras obter unha bolsa de retorno vinculada á súa ascendencia galega, iniciou un máster en Servizos Culturais nun momento no que, segundo relata, apenas coñecía o galego nin a realidade cultural do país.

Formado en filoloxía, Rodríguez Landaeta xa tiña unha sensibilidade previa cara ás linguas, mais foi a súa chegada a Galiza a que activou un proceso de descubrimento. Explica que a cultura galega estaba practicamente ausente no seu ámbito familiar, a pesar de ter avós pontevedreses, polo que a experiencia de vivir no país supuxo “o descubrimento dunha parte da miña historia que estaba agochada”.

Neste contexto, a aprendizaxe do galego converteuse nun elemento central tanto na súa vida diaria como na súa produción artística. O autor sinala que o idioma foi unha ferramenta clave para integrarse e construír vínculos coa contorna: “Non me quería sentir alleo á cultura de aquí, e sabía que sen aprender a lingua non ía poder superar esa barreira”. Para el, o galego é “esencial para entender o que é ser galego”.

A súa aproximación ao idioma produciuse, en boa medida, a través da formación regrada, especialmente nos cursos da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, mais tamén a partir dunha motivación persoal que cualifica de determinante: “No meu caso foi moi doado, sobre todo por unha cuestión de paixón. Apaixoneime pola lingua”. Esa implicación levouno non só a empregar o galego no ámbito cotián, senón tamén a incorporalo á súa creación literaria e escénica.

Rodríguez Landaeta defínese como escritor, poeta e artista escénico, con interese tamén polo rap e polas performances en vivo. A súa traxectoria profesional complétase con distintos traballos no sector servizos, desde informador turístico ata guía de museo ou repartidor, nos que tamén emprega o galego como lingua habitual.

En 2024 publicou A Outra Patria, o seu primeiro libro, escrito integramente en galego e galardoado co Premio de Poesía Nacional da Asociación Cultural O Facho en 2023. A obra, segundo explica, está profundamente ligada á súa experiencia migratoria e ao proceso de reconstrución identitaria. O autor recoñece que a publicación deste libro supuxo unha sorpresa, especialmente por tratarse da súa primeira obra e por estar escrita nunha lingua que comezou a aprender poucos anos antes: “É algo moi importante para min”.

A recepción do libro mantense activa dous anos despois da súa publicación, cunha demanda continuada de presentacións por parte do público, un feito que o autor interpreta como un indicador do interese pola obra.

Ademais da súa experiencia persoal, Rodríguez Landaeta reflexiona sobre a situación actual do galego, que considera “preocupante”, especialmente entre as xeracións máis novas. Aínda que recoñece que en Lugo o uso da lingua é maior que noutras cidades, sinala que é pouco frecuente escoitar galego entre nenos e adolescentes, unha tendencia que, segundo indica, se mantén desde a súa chegada.

Con todo, tamén destaca a vitalidade da cultura contemporánea en galego, máis alá das manifestacións tradicionais. O autor pon en valor a diversidade de ámbitos nos que se produce creación na lingua, desde a música urbana ata a literatura, o cinema ou os contidos dixitais. Neste sentido, afirma que existe “un eido nutrido e articulado en galego”, aínda que require unha procura activa para ser visibilizado.

Finalmente, insiste na utilidade práctica do galego para quen reside en Galiza, tanto no plano laboral como no social, e anima ás persoas que chegan de fóra a aprender a lingua como vía de integración e acceso cultural: “É unha ferramenta moi útil e tamén unha porta a un universo cultural moi amplo”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.