Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Sesenta estudantes de vinte países achéganse ao galego nos cursos de verán da USC e a RAG

A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ chegou á súa fin este xoves 24 de xullo cun acto de clausura no que se fixo entrega dos diplomas aos sesenta estudantes participantes, procedentes de máis de vinte países de Europa, América e Asia. O programa, impulsado desde 1988 polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (ILG) e a Real Academia Galega (RAG), conta co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e suma xa máis de 2.500 estudantes nas súas tres décadas e media de historia.

A directora do ILG, Elisa Fernández Rei, destacou o impacto a longo prazo destes cursos: “Moitos dos estudantes que pasaron polas súas aulas ao longo destes case corenta anos convertéronse en persoal investigador no campo da lingüística ou dos estudos culturais galegos, crearon centros de estudos galegos e, en definitiva, levaron o galego canda si e axudaron a espallar o seu coñecemento polo mundo”.

Pola súa parte, o presidente da RAG e catedrático da USC, Henrique Monteagudo, subliñou a relevancia internacional do programa como mostra do valor do galego: “A presenza de estudantado que vén de todo o mundo lémbranos a dimensión internacional da nosa cultura e que é de xustiza que o galego sexa recoñecido como lingua plenamente oficial pola UE, como lle corresponde pola súa historia, a súa riquísima produción literaria e o seu status legal en España”.

Xunto a Fernández Rei e Monteagudo, tamén participaron no acto de clausura a directora dos cursos, María López-Sández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o filólogo da RAG Vicente Feijoo, en representación do profesorado.

Durante tres semanas de inmersión lingüística e cultural, o alumnado —procedente de países como Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Ucraína, China, India, Uzbekistán, Arxentina, Brasil, Colombia, Cuba, México e Estados Unidos, entre outros— participou en actividades formativas, culturais e de intercambio, co galego como lingua vehicular.

A directora do programa, María López-Sández, puxo o foco na diversidade de perfís do alumnado, desde descendentes de galegos ata persoas sen vínculos familiares con Galicia que se achegan ao idioma por interese académico ou ideolóxico: “Para moitas persoas é un acto de homenaxe, de restauración da propia memoria persoal. Pero a maioría achégase sen lazos de sangue, movida polo interese na diversidade lingüística ou desde unha perspectiva ecolingüística que recoñece o valor dos idiomas minorizados”.

Neste sentido, a propia López-Sández apuntou que os cursos ofrecen un espazo para “explorar vías de vinculación futura coa lingua e a cultura galegas, sexa desde a investigación, a tradución ou outros eidos profesionais”.

No contexto actual, no que as tecnoloxías da comunicación amplifican o impacto de linguas como a galega, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou a necesidade de proxectar internacionalmente a nosa cultura: “A importancia de difundir o coñecemento da lingua e cultura galegas alén das nosas fronteiras adquire cada ano maior sentido nun mundo cada vez máis conectado”.

A programación inclúe tamén espazos de reflexión crítica, como foi o caso da charla organizada polo noso proxecto, Neofalantes, que se incorporou un ano máis á axenda dos cursos. Nesta sesión, presentouse a iniciativa e debateuse co alumnado sobre a situación actual da lingua galega e o fenómeno do neofalantismo, abrindo un espazo de diálogo interxeracional e intercultural sobre os retos presentes e futuros do idioma.

Os cursos, como lembrou Vicente Feijoo, son tamén un revulsivo para o propio profesorado galego: “As persoas que participan nesta experiencia son os folgos que precisamos os profesores de galego, o alento fresco que precisa a nosa lingua, e tamén o revulsivo que remove a conciencia de moitos galegos cando os escoitan falar na radio ou na televisión”.

Un ano máis, ‘Galego sen fronteiras’ reafirma o seu papel como fiestra aberta ao mundo para a lingua e a cultura galegas, ofrecendo ao mesmo tempo formación, experiencia vital e conexións futuras a un estudantado que, desde contextos diversos, decide apostar polo galego.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.