Ao falarmos de odiseas, Sabah é unha auténtica aventureira, das que xa non quedan. Orixinaria de Rabat, Marrocos, fai catorce anos que emprendeu unha viaxe que a cambiaría para sempre. ¿O seu destino? Galicia.
Cando decidiu dar o paso e vir á esquina noroeste, fíxoo coa súa parella. Arribaron a Porto do Son, onde reside a familia desta. “Eu quedei na casa da miña cuñada, e el saía a navegar”, explica. Así, non lle restou máis opción que decidirse a aprender a falar a lingua que usaba a súa nova familia galega, xa que os ratos que pasaba na casa eran na súa compaña.
Por iso foi que, ao mesmo tempo que aprendía o galego, adoptaba tamén a gheada, un rasgo propio da metade occidental do país. Ao longo da entrevista con Neofalantes, Sabah blande tal pronuncia dun xeito que dificilmente pode terse distinguido dunha persoa nativa da comarca de Noia.
Usa un fondo vocabulario galego, sempre acompañado por sorrisos e bromas, e amosando unha tremenda naturalidade nos seus relatos. Gústanlle as persoas, explica, e conversar con elas. Por iso mesmo é que gozou os sete anos que pasou traballando no sector da hostalaría, xa realizada a súa chegada ás terras galaicas.
Ao inquirirlle polo seu proceso de aprendizaxe do galego, Sabah responde cunha carcallada. “Non me costou nada, aprendín utilizándoo día a día”, lembra. Así foi como, mergullada por completo nunha nova contorna -e, asegura, contando sempre co apoio que lle proporcionaron os seus achegados- acometeu o trepidante labor de aprender a fala dende as súas bases. Tamén, di, axudaron as series e programas de televisión en galego que veía na casa.
Máis dunha década despois de ter emprendido unha viaxe que resultou ser transformadora, Sabah teno claro: “Eu, falante, sempre”.