Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

RTVE anuncia que comezará a emitir en galego en Clan TV

O presidente de RTVE, José Pablo López, confirmou que a canle infantil Clan TV incorporará a emisión dual en catalán e castelán antes de que remate 2025, e que xa se está traballando na implantación desta modalidade en galego e euskera.

A medida responde á Iniciativa Xabarín, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2021, que instaba á dobraxe e lexendaxe de contidos infantís en galego. Ademais, a Lei 13/2022 xeral de Comunicación Audiovisual establece na súa disposición adicional quinta a obriga de garantir emisións nas linguas cooficiais en programas destinados a menores de 12 anos.

Até o momento, Clan TV non incluía ningunha emisión en galego, polo que desde A Mesa pola Normalización Lingüística valoran positivamente este anuncio. Con todo, a entidade considera necesario que se avance con “celeridade” para garantir que os nenos e nenas galegofalantes teñan o mesmo acceso a contidos audiovisuais na súa lingua que os doutras comunidades do Estado.

A Mesa lembra que o cumprimento da lexislación vixente neste ámbito é fundamental para garantir dereitos lingüísticos iguais para a infancia en Galicia e asegura que continuará traballando para que se faga efectiva a implantación do galego nos contidos audiovisuais destinados ao público infantil.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.