A Xunta convocou novas probas Celga para os niveis con máis solicitudes, o 2, 3 e 4. O prazo de inscrición e de pago de praza estará a aberto a partir do próximo luns 12 e ata o 30 de setembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou xa a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acrediten os niveis de coñecemento da lingua galega.
Segundo informou a Xunta, esta nova fase é a segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades efectúa no 2022. As probas están previstas para a segunda quincena de novembro e, se é necesario, tamén para a primeira de decembro. As datas concretas publicaranse “máis adiante” no DOG e no Portal da Lingua. Os lugares de realización dos exames serán en Santiago de Compostela e en Ponferrada.
Así, tanto as solicitudes como o xustificante de pago poderanse presentar a través da sede electrónica da Xunta ou de forma presencial. En canto á taxa, é de 16,92 euros por cada un dos niveis nos que se inscriba o solicitante, salvo que estea exento por acreditar unha discapacidade igual ou superior ao 33%.