A Subdelegación do Goberno en Pontevedra prohibiu a manifestación a favor do uso do topónimo galego –e oficial– de Illa da Toxa convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística con motivo, o vindeiro 29 de setembro, da celebración do IV Foro La Toja – Vínculo Atlántico.
Segundo a resolución da Subdelegación, esta protesta podería “afectar á orde pública” e a “seguridade de persoas e bens”, coincidindo coa apertura deste evento a cargo do rei Felipe VI, entre outras autoridades.
No escrito, o Goberno remítese a informes emitidos pola Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e a Policía Local do Grove. Con todo, A Mesa ve nesta prohibición “un especial interese en impedir a presenza de movementos sociais molestos ao poder, como a defensa e normalización da lingua galega“.
O BNG rexistrou xa no Congreso iniciativas para pedir ao Goberno que rectifique e permita a concentración solicitada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Se non rectifican, asegurou o deputado do BNG, Néstor Rego, o Goberno estaría a empregar “argumentos políticos para impedir a presenza de movementos sociais” durante a celebración do Foro. “A prohibición parece máis fundada en argumentos políticos que xurídicos e no interese de impedir a presenza de movementos sociais en defensa da normalización da lingua galega”, afirmou Rego. Máis información no Galicia Confidencial.