Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Por que chamar “Sangenjo” cando a forma oficial é Sanxenxo?

A Real Academia Española (RAE) reabriu este venres nas redes sociais o debate sobre o topónimo do municipio pontevedrés de Sanxenxo ao recomendar o uso de ‘Sangenjo’ en contra da lei galega e do nome oficial.

A polémica volveu ás redes despois de que un usuario de Twitter fixese unha consulta pública á RAE, tras observar o topónimo escrito como ‘Sanxenxo’ nos rótulos dunha canle de televisión con motivo da visita do rei emérito, Juan Carlos I, ao municipio galego.

A Real Academia Española apuntou na súa resposta que “en ámbitos e textos non oficiais, o natural e indicado é empregar a forma tradicional ao falar ou escribir en español”. Deste xeito, a RAE indicou que “en textos oficiais xerados pola Administración é preceptivo utilizar o nome vernáculo ‘Sanxenxo’“, pero que “fóra destes usos, o indicado é empregar a forma tradicional ‘Sangenjo’ ao falar ou escribir en español”.

A RAG sae en defensa do topónimo oficial

A réplica da Real Academia Española xerou unha onda de críticas nas redes sociais. Con todo, non é a primeira vez que se pronuncia acerca deste topónimo galego, posto que xa o fixo no ano 2018.Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) sinalou a Europa Press que Sanxenxo “é un topónimo galego e a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente” e que “como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.