Esta tarde, a partir das 17:00 horas, pon comezo a segunda xornada do simposio na honra de Luísa Villalta, “Mil son eu tan só, tan soa”, organizado pola Real Academia Galega nas instalacións da Fundación Barrié. Inma Otero e Henrique Rabuñal son os encargados de poñer inicio ao encontro, que abordará a carreira vital da homenaxeada nas Letras Galegas 2024 nos eidos narrativo e teatral. Imaxinario, ideario e arte de Villalta continúan a ser divulgados este mércores, neste evento de entrada libre e coa emisión en directo a través do sitio academia.gal.
Unha embarcación feminina
Logo da presentación, será aberta unha mesa redonda moderada por Mercedes Queixas e na que se escoitarán as voces de poetisas pertencentes a diferentes xeracións. Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés atallan a vinculación da produción poética de Villalta coa musicalidade, mantendo e trasladando o legado do folclore así como o ideario galegos a través da verba. Da man de Andrés, o público coñecerá a travesía da artista “a bordo dun barco que parte de si mesmo e ten medida de muller“.
A cantante Uxía é encargada de pechar a xornada cunha actuación musical. A arte galega en chave feminina, marcada dentro e fóra deste evento por Villalta, só seguirá fluindo durante este xoves, cunha serie de relatorios por estudosos da figura como Pilar García, unha mesa redonda sobre o urbanismo na produción da poetisa e o espectáculo teatral Indóciles.