Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Os premios Mil Primaveras reivindican a importancia do galego nas novas tecnoloxías

O pasado 11 de xuño o convento de Santa Clara de Pontevedra acollía a entrega de premios da terceira edición dos Premios “Mil Primaveras”, que recoñecen iniciativas levadas a cabo no ámbito da normalización lingüística. Os proxectos CantáMOLA en galego, Twitter e Instagram en galego, o Diccionario galego para boomers, Media Laranxa, Xandobela. Educación e cultura e Do berce á rúa foron os proxectos protagonistas desta edición e que recibiron cadanseu premio.

Organizados pola Coordinadora de persoas Traballadoras de Normalización Lingüística , as “Mil Primaveras” pretenden ser unha ferramenta para visibilizar iniciativas que poñan en valor a lingua galega. “Con falar galego non abonda para contribuír a defendelo”, destacou a deputada provincial de Lingua María Ortega na entrega de premios, ao mesmo tempo que destacou a labor da CTNL pola organización dun certame que demostra o compromiso das institucións coa lingua galega. “Todo isto require dunha aposta seria, de compromiso e de capacidade”, engadiu Ortega.

Ao mesmo tempo, a deputada tamén quixo subliñar a importancia do compromiso das administracións coa lingua, tras referirse a un estudo elaborado pola Universidade de Vigo que alerta da posibilidade de exclusión do galego no panorama da intelixencia artificial. A situación do galego é moi precaria se se compara co resto de linguas oficiais do Estado. A inexistencia do galego en asistentes virtuais como Alexa, Siri ou Google Assistant son un exemplo desta realidade. Por iso, reivindicou a presenza do idioma nestes ámbitos, tendo en conta a relación das xeracións máis novas con estas tecnoloxías. “A mocidade, a vida da xente nova, está aí. E polo tanto, o galego ten que estar”, engadiu.

As Mil Primaveras repartiron galardóns en diferentes categorías: premio ao mellor proxecto estabilizado, ao mellor proxecto novo, á mellor comunicación e impacto, ao proxecto máis innovador, ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade e ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial. Un total de seis categorías demostraron a existencia dun panorama galego que loita pola súa lingua.

No acto de entrega dos premios tamén participaron a presidenta da CTNL, Anxos Sobriño, e o concelleiro de Pontevedra Demetrio Gómez. Este último salientou a importancia de “rachar as estruturas de poder que impiden que o galego medre”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.