Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O uso do galego perde tamén falantes nos entornos de traballo

O uso da lingua galega entre compañeiras de traballo descendeu un 17% entre 2003 e 2018, segundo un estudo exposto polo investigador da USC Miguel Guisantes. Este documento sinala tamén que o seu uso rexistrou un descenso do 17,3% entre o persoal ao seu cargo, un 12,1% entre os traballadores e os seus superiores e un 12,3% coa clientela.

Así o trasladou nos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí, Miguel Guisantes fixo un percorrido pola situación da lingua galega no sector económico ao fío do Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido económico.

Na súa opinión, tal e como trasladou o Consello da Cultura Galega, “é imprescindible coñecer a situación para poder actuar”. Na súa intervención, Guisantes explicou que entre 2016 e 2020 levaron a cabo un centenar de medidas co obxectivo de crear conciencia de que o galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias, así como estender e fomentar o seu uso.

O investigador da USC Miguel Guisantes explicou que entre 2016 e 2020 levaron a cabo un centenar de medidas co obxectivo de crear conciencia de que o galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias.

Na súa exposición, o investigador afirmou tamén que o Plan “está traballado parcialmente, pero está infrautilizado”; ademais, engadiu, “ten unhas actuacións pouco claras sen relacionar coas medidas”.

CONSUMIDORES E EMPRESAS

Sobre os dereitos dos consumidores falou Sara Seco, da Mesa pola Normación Lingüística, que explicou como resolver as queixas máis habituais. “Escoller a lingua na que se redacta unha póliza está regulado desde o ano 1980 na Lei de contrato seguro”, detallou, á vez que afirmou que tamén se poden escoller as linguas nos procedementos en notaríalas.

No sector empresarial, o director executivo de Deleite, Pedro González Fenda, destacou que entre as débedas pendentes sitúanse “os contratos de distribución e os contratos cos gandeiros”.

“O máis coherente para unha empresa que nace en Galicia, formada por galegos, con capital galego e cun Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua”, afirmou.

Pola súa banda, o responsable de Daveiga, Xosé Lois Lamazares, reivindicou a lingua galega e o seu vínculo natural ao proxecto. “O feito de comunicar e transmitir en galego, en Galicia, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara aos consumidores”, subliñou.

Ademais, animou a outros emprendedores a empregar o galego como primeiro idioma de comunicación porque “son todo vantaxes”, pese que recoñeceu que “fose non ten tanto poder, pero tampouco estorba”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.