Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Proxecto Nós amosa os seus avances en tecnoloxías lingüísticas

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou en Santiago o compromiso da Xunta de Galicia “con fomentar a presenza dixital do galego, incorporándoo ás novas linguaxes e favorecendo o seu uso nas plataformas tecnolóxicas, un eido no que estamos dando grandes pasos”. Fíxoo durante a xornada Tecnoloxía en galego. Resultados de ILENIA–Proxecto Nós, un encontro no que se deron a coñecer os principais resultados do Proxecto Nós, impulsado polo Goberno autonómico en colaboración coa universidade compostelá.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos ao abeiro desta iniciativa e a súa integración no programa estatal ILENIA (Impulso das Linguas na Intelixencia Artificial), orientado a avanzar na creación de recursos de tecnoloxías lingüísticas e modelos de IA para as linguas oficiais.

Neste contexto, Valentín García reclamou o acceso aos fondos do PERTE de nova Economía da Lingua, ao considerar que “é esencial recibir as axudas que nos corresponden para seguir desenvolvendo este tipo de programas para que a nosa lingua se use en plataformas e aplicacións”, lembrando que o Executivo central “ten a responsabilidade de fomentar o uso dos distintos idiomas oficiais no eido dixital”.

O secretario xeral da Lingua destacou tamén os logros acadados desde os inicios do Proxecto Nós, que permitiron “facilitar a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre”. Entre eles, citou un tradutor neuronal multilingüe, un sistema de recoñecemento de voz que transforma a fala en texto escrito e unha aplicación de síntese de voz que permite a lectura en galego. Estes recursos están dispoñibles a través do portal do proxecto para persoas, institucións, organizacións ou empresas interesadas en desenvolver produtos ou servizos tecnolóxicos que incorporen a lingua galega.

García agradeceu ademais a implicación cidadá e a colaboración de entidades públicas e privadas, especialmente pola cesión de corpus de texto e voz, fundamentais para o adestramento dos modelos lingüísticos.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, incidiu nun dos relatorios na importancia do aliñamento das tecnoloxías do Proxecto Nós co tradutor Gaio, promovido pola Xunta. Segundo explicou, trátase dun modelo de tradución automática neuronal que permite resultados máis naturais e precisos ao ter en conta o contexto. Cerviño detallou que Gaio rexistra 13,5 millóns de peticións de tradución ao ano, cun volume aproximado de 800 millóns de palabras.

O Proxecto Nós botou a andar en 2020 co obxectivo de garantir a presenza da lingua galega no contorno dixital do século XXI mediante a creación de infraestruturas lingüísticas de base, como corpus abertos, bancos de datos e ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de grande escala adestrado integramente en galego.

Durante a xornada déronse a coñecer os avances acadados no trienio 2022–2025 no ámbito das tecnoloxías lingüísticas, con resultados como o primeiro tradutor neuronal galego–castelán–inglés, recursos de voces sintéticas e modelos de linguaxe, así como diversos casos de uso desenvolvidos en colaboración con empresas e entidades públicas.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.