Xa pola súa cuarta edición, o concurso #DígochoEu ten aberta a convocatoria deste ano na que lle propoñen ao estudantado galego de Primaria e Secundaria a creación dun vídeo de menos dun minuto sobre un tema próximo á súa contorna. Orixinalidade e innovación son as máximas que propoñen ao estudantado para conseguir, como nas edicións pasadas, a oportunidade de gravar un capítulo xunto con Esther Estévez.
A recepción de pezas, que deben promover o uso da lingua galega de xeito dinámico e entretido, pode realizarse ata o próximo 22 de decembro, ás 23:59 horas da noite. Entre os traballos recibidos, o xurado escollerá doce propostas ‒repartidas entre os dous niveles educativos‒ que competirán por diferentes premios que recibirán os centros de estudos.
Os traballos poden ser enviados á dirección de correo electrónico digochoeu@crtvg.gal indicando o nome da profesora ou profesor titor do proxecto, o nome do centro e unha explicación da idea.