Un fanzine é unha publicación independente e autoeditada, elaborada normalmente por afeccionados ou pequenos colectivos sen depender de editoriais nin grandes medios de comunicación. O termo procede da unión das palabras inglesas fan (afeccionado ou amador) e magazine (revista). Caracterízanse pola súa liberdade creativa, a súa distribución alternativa e o espírito do DIY (Do It Yourself, «Faino ti mesmo»).
O experto Ramón Mariño Fernández, autor dunha tese de doutoramento sobre fanzines en Galicia e do libro Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega, comenta que estas publicacións non só serviron para difundir ideas ou manifestacións culturais dende as marxes, senón tamén para explorar diferentes formas de escribir, reivindicar o uso do galego e conectar con el.
O neofalantismo nos fanzines
A maioría destas publicacións eran creadas por xente nova. Nun contexto anterior á aparición das redes sociais, os fanzines funcionaban como espazos de expresión persoal onde se compartían opinións, experiencias e reivindicacións políticas que circulaban entre amizades, colectivos e persoas interesadas.
Tiveron presenza tanto en zonas rurais como nos ámbitos urbanos, particularmente nos contornos universitarios. Foi neste último contexto onde moitas persoas comezaron a crear os seus propios fanzines en galego, malia que ata entón non empregasen habitualmente esta lingua. Segundo explica Ramón Mariño, moitos dos fanzines producidos durante a década de 1990 presentan características lingüísticas que permiten identificar os seus autores como neofalantes.
Un dos trazos máis significativos é a colocación dos pronomes átonos, unha das dificultades máis frecuentes entre as persoas que comezan a falar galego. Como sinala Mariño, nalgúns fanzines aparecen formas como «o sabes» en lugar de sábelo ou «nos parece» en lugar de parécenos, estruturas que reflicten a influencia do castelán e os procesos de aprendizaxe da lingua.
A elección lingüística
Moitos dos creadores de fanzines pertencían a unha xeración bilingüe que empregaba tanto o galego como o castelán na vida cotiá. Por iso non resulta estraño atopar publicacións nas que aparecen préstamos léxicos, castelanismos, hipergaleguismos e, na actualidade, tamén numerosos anglicismos. Lonxe de interpretarse unicamente como erros ou desviacións da norma, estes usos permiten observar como os falantes constrúen a súa identidade lingüística en contextos informais e afastados da supervisión institucional.
A elección do galego non respondía unicamente a criterios comunicativos. En moitos casos tratábase dunha decisión consciente vinculada á identidade cultural, á reivindicación política ou á vontade de construír alternativas aos discursos dominantes. Esta elección tamén é un rasgo da filosofía dos fanzines: independencia, autoxestión e resistencia fronte ás estruturas culturais hexemónicas.
Os fanzines contra os algoritmos
A investigación de Ramón Mariño céntrase principalmente no período comprendido entre os anos oitenta e 2005, pero iso non significa que os fanzines desaparecesen. Pola contra, souberon adaptarse aos cambios tecnolóxicos e ás novas formas de comunicación. Coa chegada de internet, moitas destas publicacións dixitalizáronse, ampliando o seu alcance e incorporando novas ferramentas de creación e difusión.
A transición ao ámbito dixital non eliminou o atractivo do formato tradicional. A pesar da súa circulación limitada e da distribución de man en man, os fanzines continúan ofrecendo algo difícil de atopar noutros espazos: unha expresión persoal, libre e independente, allea aos algoritmos que condicionan boa parte da comunicación actual.
Para Mariño, esta capacidade de manter unha voz propia é precisamente unha das grandes fortalezas dos fanzines. Máis aló do soporte empregado, estas publicacións seguen funcionando como espazos de experimentación cultural, creativa e lingüística, onde cada persoa pode expresarse sen intermediarios.
Aínda que hoxe se publiquen menos fanzines en galego dos que lle gustaría ao investigador e moitos opten polo castelán, “estas publicacións continúan a desempeñar un papel relevante na creación de comunidade e na articulación das inquedanzas da mocidade galega”, conclúe.