Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O mercado das linguas: como o inglés reconfigura o espazo do galego

Os investigadores Miguel Guisantes e Estela Fidalgo, a partir do seu artigo ‘Reflexións da mocidade galega universitaria ante a dominación lingüística’, debuxan un panorama no que a hexemonía do inglés, a mercantilización das linguas e o Decreto 79/2010 de plurilingüismo conforman un ecosistema que despraza o galego e condiciona o acceso en igualdade ao capital lingüístico.

A idea de dominación lingüística pode soar abstracta, mais na vida universitaria tradúcese en escenas moi concretas. “Unha parte inmensísima da ciencia feita na Universidade de Santiago faise en inglés. Moitas teses, artigos e congresos —mesmo encontros de xente de aquí para xente de aquí— desenvólvense en inglés”, explica Miguel Guisantes. O argumento produtivista (“chegar a máis xente”, “a lingua da ciencia”) converteuse en rutina: “Como xa todo o mundo o fai en inglés, case ninguén se pregunta por que”.

A mercantilización das linguas aparece como outra peza central. “O inglés vai da man dun negocio arredor das acreditacións”, sinala Estela Fidalgo. Cursos, taxas de exame e selos válidos ou non segundo a administración debuxan unha carreira de obstáculos: “Non vale calquera título: os que se requiren adoitan ser os máis caros”. Guisantes engade que esta lóxica neoliberal “valora máis o papel que o coñecemento”: sen certificado, a competencia comunicativa “non conta”. O resultado, segundo coinciden, é unha fenda de clase: “O inglés non é para todo o mundo; hai quen non pode pagalo”, resume Fidalgo.

No ensino non universitario, as voces mozas recollidas no estudo de Fidalgo e Guisantes cuestionan a eficacia do sistema para acadar o moi demandado “bo nivel” de inglés e describen unha aprendizaxe centrada en contidos elementais repetitivos. Guisantes propón mudar o horizonte: fronte ao nativismo e a obsesión pola excelencia, “un plurilingüismo harmónico”, no que a base social entenda varias linguas e cada quen poida expresarse na propia, acadando unha competencia receptiva ampla máis realista e útil.

Neste punto emerxe a política educativa. Os autores lembran o impacto do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, que abriu a porta a impartir ata un terzo do horario en lingua estranxeira—na práctica, inglés—e circunscribiu o reparto do tempo a 33% galego / 33% castelán / 33% lingua estranxeira. As percepcións recollidas nos grupos amosan que o galego perdeu horas en determinadas materias para facer sitio ao inglés. “Chámase ‘bilingüe’ ao que xa o era; agora, co inglés, o que se fai é restarlle espazo ao galego”, resume unha das participantes no grupo galegofalante.

Os datos de contorno que manexan os investigadores axudan a situar a fotografía: o inglés é a lingua non materna máis coñecida en Galicia (40,5%), mentres que outras próximas, como o portugués, fican arredor do 10%. Para os autores, non se trata só de número de falantes, senón de poder económico e cultural: “A cultura que consumimos —Hollywood, plataformas, redes— chega en inglés”, apuntan as persoas participantes no grupo castelanfalante. Nesa fronte cultural e dixital, o galego compite en clara desvantaxe.

A hexemonía do inglés no ecosistema científico reforza a mesma dinámica. “Cando escribo desde aquí en inglés, síntese que ‘xa vale para todo’ e ninguén se para a pensar no custo simbólico que supón para a lingua propia”, subliña Guisantes. A isto súmanse as acreditacións obrigatorias para másteres ou oposicións, que non adoitan contemplar certificacións noutras linguas minorizadas, afondando nunha idea utilitarista: escóllense as linguas “que contan” no mercado.

As consecuencias para o galego están á vista, din: descenso de competencia efectiva nas xeracións novas e menos espazos de uso. “Se entre 5 e 15 anos non adquires a competencia oral, despois pesa en toda a vida”, advirte Miguel Guisantes. A escola non abonda se o patio, o móbil, as series, TikTok ou a carteleira non acompañan: o ecosistema de lecer funciona como un gran multiplicador, e hoxe fala sobre todo en castelán e inglés.

Hai, con todo, marxe de acción, tamén dende abaixo. Citan situacións cotiás nas que a acomodación automática ao castelán por presenza dunha persoa que “só fala español” muda o idioma dunha actividade pensada en galego. “Neses foros, importa manter o criterio: ‘o anunciado está en galego; quen queira pode seguir, quen non, tamén pode marchar’”. Trátase de defender espazos sen dramatizar o conflito, lembrando que moitas veces comprender o galego é perfectamente posible para quen non o fala.

No ámbito profesional, a utilidade social do galego tampouco é menor. “Veñen residentes moi preparados, con inglés e outros idiomas, pero logo non entenden a un paciente da aldea”, apunta unha estudante no grupo galegofalante enquisado no estudo, cuestionando que as baremacións primen sempre linguas globais e ignoren a lingua do territorio.

Como horizonte, os autores recuperan a noción de plurilingüismo harmónico e unha equidade real entre linguas: reforzar a que o precisa—o galego—no lugar de fortalecer a que xa é hexemónica. “Non falaría de ‘discriminación positiva’, senón de manter a equidade: se unha precisa reforzo, démosllo”, di Guisantes. No plano das políticas públicas, Fidalgo e Guisantes reclaman avaliacións rigorosas do que funciona e do que non, e actualización de medidas que quedaron vellas tras vinte anos de cambios sociais e dixitais.

O diagnóstico que subxace á súa investigación é claro: concebimos o plurilingüismo de maneira reducionista, como suma de castelán + inglés, e trasladamos á aula unha lóxica de autoempresariado na que cada estudante debe xestionar o seu portfolio lingüístico. “As linguas escóllense polas que ‘dan rendemento’; o galego, se non se protexe e se activa en máis espazos, cede”, resume Fidalgo. As voces mozas, pola súa banda, envían un sinal nítido: sen ecosistema de usos e sen acceso igualitario ás competencias, o mapa lingúístico seguirá desequilibrado.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.