Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O home da toponimia galega terá un espazo na RAG

Gonzalo Navaza ingresará na Real Academia Galega como membro de número o vindeiro 5 de novembro, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no salón de actos da institución, na Coruña, a partir das 12:30 horas.
O filólogo e escritor pronunciará o discurso titulado ‘Nomes de persoa na toponimia de Lalín’, centrado na súa terra natal dende unha rama da filoloxía, a onomástica, na que é un reputado especialista. Daralle resposta Antón Santamarina, coordinador do Seminario de Onomástica. O académico electo desenvolve un intenso labor neste seminario, ao que se incorporou como membro correspondente no ano 2012.
Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O novo académico é sobre todo coñecido polo gran público polo seu labor literario. Como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998).
Pero o académico electo, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é tamén un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.
As súas achegas ao eido da toponimia remóntanse a comezos dos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.