O xoves pasado xoves celebrouse na cidade norteamericana de Milwaukee, tralo parón que a pandemia introduciu nas actividades académicas en Norteamérica, o Congreso Anual da Midwest Modern Language Association 2021. Como parte deste evento tivo lugar a sesión A viaxe nas tradicións literarias en linguas galega e portuguesa, presidida polo profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval. O dito encontro foi unha oportunidade para deitar pontes entre as literaturas en ámbalas linguas e debate-lo estado actual da cuestión.
A sesión comezou coa intervención da Profesora da Universidade de Wisconsin-Milwaukee Susana M. Antunes, coordinadora do programa de portugués da dita universidade, que disertou sobre “Travel Literature: Continuing the Journey”. A profesora Antunes fixo un breve percorrido polo xénero da literatura de viaxes en Portugal, desde as crónicas de viaxe medievais e as antigas narrativas de peregrinación ata a actualidade.
Salientou a importancia das errancias humanas ó longo da historia e sinalou a vitalidade do xénero en Portugal no século XX, co traballo de autres como Natália Correia (Descobri que era europeia: Impressões de uma Viagem à América, 1951), Ilse Losa (Ida e Volta à Procura de Babbitt, 1960), João Alves da Costa (América em Carne Viva, 1974), Fernando Namora (Cavalgada Cincenta, 1977), José Saramago (A viagem a Portugal, 1981 ou A Jangada de pedra, 1986), ou Sophia de Melo Breyner Andresen (Navegações, 1988), entre outros autores.
Defendeu a profesora Antunes a vizosa actualidade deste xénero tamén no século XXI con traballos coma Uma Viagem à Índia (2010), Passagem para o Horizonte (2014) e pescudou como o amplo xénero das viaxes segue presente tamén en Nuno Ferreira (Portugal a pé, 2011; Portugal de perto, 2016; Açores a pé, 2019), Paulo Ferreira (Extremo Ocidental, 2016) ou Afonso Reis Cabral (Leva-me contigo, 2019), entre outros autores. Na conclusión da súa presentación, a experta en literatura de viaxes da Universidade de Wisconsin Susana Antunes preguntouse polos camiños futuros da literatura portuguesa de viaxes, cuestionando conceptos actuais como “nova literatura de viaxes” (Cristóvão, 2010) ou ciberliteratura de viaxes (Benedito, 2010) e salientou que a literatura de viaxes, renovada e empurrada pola situación presente está máis de actualidade que nunca.
SEIS POEMAS GALEGOS DE LORCA
A seguir, o galicianista da Universidade Princeton Ryan Goodman disertou sobre Federico García Lorca and the Poetics of Travel in Seis poemas galegos (1935), onde tratou a antigüidade e relevancia da literatura de viaxes en Galicia, que retrotraeu ás peregrinacións da monxa Exeria no século IV e que tivo como momento de refundación a Xeración Nós no período de preguerra. Asimesmo, o profesor Goodman tratou a continuidade da viaxe asociada á peregrinación entre a época antiga e o período contemporáneo, pasando pola tradición xacobea medieval e moderna. Nesta dimensión espacial destacou o papel motriz de Santiago de Compostela como campo politicamente contestado de produción cultural e a monumentalización, codificación e reconstrución da memoria cultural.
Así mesmo, na súa análise das peregrinacións como fenómeno antropolóxico referiuse ó uso historicamente monolítico e a tendencia despolitizante ó longo da historia, tendo no nacional-catolicismo coma no liberalismo. Referiuse á codificación realizada desde desde puntos de vista coma o dos nacionalismos español e galego e aproximouse ó problema fundamental de cal é a herencia das peregrinacións medievais alén de Santiago.
Na parte final da súa contribución, o profesor Goodman analizou a estrutura cíclica de Seis poemas galegos arredor de Santiago de Compostela, considerando a colaboración con Ernesto Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor na produción final deste poemario, preguntándose pola súa identidade dual galego-andaluza, arguíndo a súa capacidade transformadora do eu e a súa capacidade poética transmodernizadora e argumentando a súa natureza etnográfica colaborativa e propuxo a súa deconstrución do fenómeno nacionalista a través da negociación da diferenza.
VIAXES DE ERICO VERISSIMO
En terceiro lugar interveu a doutora Claudia Páez-Lotero, profesora de literatura latinoamericana na Saint Joseph’s University. Na súa presentación “Environmental experiences in Gato preto em campo de neve by Erico Verissimo”, a latinoamericanista colombiana abordou o libro de viaxes Gato preto em campo de neve (1942) de Érico Veríssimo (1905-1975), no que o escritor brasileiro relata as súas experiencias durante a visita que fixo ós Estados Unidos en 1941 como parte da política de boa veciñanza promovida polo goberno deste país.
A doutora Páez Lotero analizou a presenza de elementos da natureza nas cidades estadounidenses que visitou o escritor e argumentou que malia Veríssimo só estar preocupado por coñece-los estadounidenses residentes en centros urbanos, non puido evitar entrar en contacto con elementos da natureza persistentes nese medio. Igualmente, a profesora Páez Lotero afirmou que estas descricións permiten ó lector observar como os problemas medioambientais afectan ás comunidades máis vulnerables das cidades. Finalmente, Claudia Páez-Lotero concluíu que, mesmo non sendo a natureza a súa principal preocupación, este elemento é decisivo para entende-las cidades visitadas.
VIAXES SEN LEE, UNHA PORTA AO MUNDO DESDE O GC
En último lugar, Gabriel Rei-Doval presentou neste evento académico o seu proxecto en curso Viaxes sen Lee, que veu publicando en Galicia Confidencial nos últimos tres anos. Tras sinalar brevemente as conexións do seu proxecto coa tradición literaria galega, Gabriel Rei-Doval salientou a importancia da exploración emocional e cultural no seu proxecto aínda en curso e conectado coa súa experiencia piloto previa Cartas de Marco Polo, tamén publicadas en GC. O navegante emocional Gabriel Rei-Doval sinalou que o seu proxecto cobre un baleiro na conexión entre as tradicións culturais estadounidense, galega e ibérica, que este proxecto tenta encher enfatizando a importancia da cultura e identidade galegas nun relato realizado na lingua propia de Galicia.
Igualmente, destacou a potencialidade de Viaxes sen Lee para visibilizar Galicia no contexto norteamericano e internacional. Tomando como inspiración inicial Travels with Charley de John Steinbeck e Journey to Ixtlan de Carlos Castaneda, Viaxes sen Lee combina as perspectivas da viaxe física coa emocional e a espiritual, destacando a importancia da natureza para explica-las profundidades da alma humana e as identidades de sociedades inicialmente tan afastadas coma a galega e a estadounidense.
O proxecto integra achegas de orixes diversas nun magma viaxeiro no que teñen espazo tanto as feridas da identidade galega coma as dos nativoamericanos, as contradicións latentes á acción da principal superpotencia mundial e como os habitantes de sociedades a ámbalas bandas do Atlántico presentan en ocasións coincidencias inesperadas. Finalmente, Gabriel Rei-Doval salientou algúns fíos deste proxecto en curso do que van publicadas corenta e seis entregas e que agarda seguir integrando proximamente en univesos tan diversos coma o mundo onírico e a literatura universitaria, entre outros.