Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O galego comeza a conquistar aos poucos os cemiterios de Galicia

As cinzas da nobre María de Bolaño descansan na igrexa de Santa María de Meira nun sepulcro de pedra labrada en 1518 e as da escritora Rosalía de Castro están no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, desde 1891. Esas datas referenciais representan o final dun ciclo (a etapa dourada) e o comezo doutro (o Rexurdimento) para a nosa cultura. Polo medio están eses 373 anos de séculos tan escuros en que chegan a desaparecer palabras tan esenciais como “fillos” e “netos” nas inscricións de recordo aos familiares falecidos.
A inscrición de 1891 dedicada a Rosalía de Castro marca un proceso de recuperación “desde cero”, ao estilo ave Fénix, mais moi lentamente asumida no ámbito da cultura e aínda agora extraordinaria entre a maioría da poboación.

Aínda que desde o final do século pasado se fixeron iniciativas de sensibilización, os resultados só comezaron a mellorar substancialmente nestes últimos dez anos (entre 2015 e 2025). A visión panorámica está agora “en aberto nun mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e divulgado en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega. Desde ese momento, unha auténtica “selección galega de visualización” percorre Galicia con libreta, bolígrafo e teléfono, realizando un auténtico “paseo investigador” polos cemiterios locais. O seu obxectivo: visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo pormenorizado.

Despois da recollida de datos de máis de 60.000 familias, repartidas por 184 concellos, a iniciativa educativa Palabra e Memoria observa que a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” teñen tendencia emerxente. O cambio, recente, débese ao relevo xeneracional e á mellora na atención das empresas funerarias. Persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes (co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma) e pasan tamén a ter cargos de responsabilidade nas empresas do sector, o que facilita a superación de vellos obstáculos. Son parte das conclusións destes traballos impulsados desde o proxecto Modelo Burela, do incansable profesor Bernardo Penabade.

 

Estudo panorámico das parroquias do termo municipal de POL

O equipo de visualización no que participan de maneira altruísta unhas cen persoas repartidas polas catro provincias, completouse hai varios meses co grupo Palabra e Memoria en Pol, a onde chegou por iniciativa de David López, coa colaboración do escritor Manuel Vázquez e do cura párroco Miguel Asorey. As primeiras observacións realizáronas no mes de decembro de 2024 nas parroquias de Milleirós, Valonga e Caraño, onde o estudo das inscricións feitas por 214 familias mostrou que un 10% abriron as portas ao uso do idioma galego.

En Luaces e en Mosteiro as porcentaxes son máis altas e sitúanse no 16%. Con todo, o proceso está máis avanzado na parroquia principal de Santo Estevo de Pol, onde se alcanza un 22%, unha cifra semellante á lugares de referencia como Duarría, Rianxo e Porto do Son.

Mapa do uso do galego nos camposantos / David Canto

22’58 % das familias comunican en galego

O Cemiterio Parroquial de Pol atópase a carón da igrexa e divídese, como acontece en máis parroquias da contorna, nunha zona de construción máis recente con panteóns “altos” fronte ao lateral norte da igrexa e outra zona, con peche perimetral, máis antiga onde convive o enterramento en panteóns “altos” con algúns panteóns de tipo “baixo”. Obsérvase que a parte máis antiga conta con características construtivas clásicas (inscricións no propio mármore da lápida, cruces con adornos máis elaborados, o panteón dalgunha propiedade conta cunha edificación que o envolve, etc.)

No tocante ao uso do noso idioma, os resultados alcanzados son os seguintes: dun total de 31 panteóns son 7 os que contan con algún elemento en galego (2 deles na identificación do propio panteón e 5 na placa informativa da persoa falecida). Isto supón un 22,58 % de emprego do galego. Dáse a especial circunstancia de que nesta parroquia polense realizan os traballos seis empresas funerarias diferentes (Carballosa e Lourido, de Meira; Marzo, de Castroverde; Pardo Freire e Delio, do Cádavo; e Serfuja, de Castro de Rei), o que demostra a boa predisposición do sector comercial para esta importante mellora na atención ás familias.

David López: coordinador do grupo de traballo

David López Fernández ten 40 anos e naceu e criouse no lugar de Valonga, lugar do que colle nome a parroquia. Foi dos últimos alumnos da escola unitaria de Rioxoán, estudou a etapa do Secundario Obrigatorio no colexio Rosalía de Castro en Mosteiro (Pol) e o bacharelato no IES Pedregal de Irimia (Meira-Lugo). Na actualidade é bombeiro forestal na categoría de xefe de brigada na comarca de Meira e mantense relacionado tamén coa agricultura e gandería familiar. ” Axudo no proxecto Palabra e memoria porque entendo que pode ser un primeiro paso para mudar certos costumes no emprego da nosa lingua. Construímos un punto de unión de persoas con intereses comúns e achegamos á poboación datos, imaxes e testemuños do ámbito máis inmediato”, asegura.

Toda esta información recollida polo equipo coordinado por David López está publicada na “Cartografía do uso do galego nos camposantos“, que contén información sobre máis de 65.000 familias repartidas por 191 concellos. O proceso continúa aberto á colaboración cidadá.

 

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.