Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A Ribeira de Piquín convértese en escenario dun encontro interxeracional arredor do patrimonio galego co RadioVisual de Ponte… nas ondas!

A Ribeira de Piquín converteuse este mércores nun espazo de encontro entre xeracións, memoria e patrimonio coa celebración dunha nova edición do RadioVisual do Patrimonio, un proxecto impulsado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! (PNO!) que combina radio en directo, creación audiovisual, música e participación comunitaria para poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

A xornada, desenvolvida na Área Recreativa de Chao de Pousadoiro, foi a terceira das seis paradas previstas nesta primavera dentro dunha proposta que percorre diversos concellos galegos vinculados ás rutas xacobeas. Presentado polo xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira, o evento arrancou reivindicando a transmisión cultural entre xeracións como fío condutor dunha historia colectiva construída a través da memoria, das voces e dos saberes compartidos.

O protagonismo recaeu especialmente na mocidade, coa participación do alumnado do CEIP Poeta Avelino Díaz e do IES Pedregal de Irimia, ambos do veciño concello de Meira, que tomou parte activa na condución e elaboración de contidos radiofónicos, formulando preguntas, explorando historias locais e afondando na identidade da comarca.

Durante a emisión, retransmitida en directo a través das plataformas dixitais de O RadioVisual e de Ponte… nas ondas!, sucedéronse entrevistas, lembranzas e pezas centradas no patrimonio local. Entre elas destacou a participación do alcalde de A Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, así como os testemuños interxeracionais protagonizados por veciños como Félix, gandeiro xubilado, e a súa familia, nun exercicio de recuperación da memoria oral e familiar.

Un dos momentos centrais da xornada foi a presenza da familia Seivane, ligada historicamente a esta terra. No lugar onde se sitúan as orixes do histórico obradoiro de gaitas que máis tarde acadaría proxección internacional, a gaiteira Susana Seivane ofreceu unha actuación en directo acompañada tamén da voz e experiencia do seu pai, o mestre artesán Álvaro Seivane. A cita pechouse coa interpretación da “Muiñeira do Chao”, peza de forte simbolismo local composta polo avó da artista, Xosé Manuel Seivane, como homenaxe á súa veciñanza.

O RadioVisual do Patrimonio inscríbese dentro da liña ‘Territorio Cultura’ da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), destinada a reforzar e diversificar a oferta cultural en zonas non urbanas. A produción corre a cargo de Casa de Tolos, compañía audiovisual con traxectoria tanto na produción musical como na creación de contidos culturais.

A iniciativa forma parte do amplo percorrido de Ponte… nas ondas!, entidade que leva máis de tres décadas promovendo a divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués a través da educación, os medios e a participación social. O seu labor obtivo en 2022 un recoñecemento internacional ao ser incluída pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, nunha candidatura conxunta de España e Portugal.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.