O Concello de Dodro prepara os actos programados no marco do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, un referente da escena literaria e da creación lírica en lingua galega que rende homenaxe ao poeta de Dodro e que, cun percorrido de 34 anos de vida, constitúe un dos certames poéticos máis antigos de Galicia.
A celebración comezará o venres 10 de decembro, ás 20.00 horas, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón coa presentación de “Urda” de Quico Valeiras, obra gañadora no ano 2020. A continuación o público desfrutará coa proposta artística de poesía escénica ”Epístola ás neofalantes” do dúo Aldaolado, espectáculo incluído na Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña.
O sábado 11 de decembro, ás 17.30 horas, María Rodríguez Romero, autora da videocreación “O mundo dos soños”, recibirá o Mini Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Concurso literario, creado polo Concello de Dodro para promover a creación literaria, o uso da lingua galega e a expresión artística entre o alumnado da ESO.
O acto central da xornada consistirá na entrega do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Inma López Silva pola súa obra “Clepsidras”, autora consagrada e figura relevante da narrativa na nosa lingua que irrompe con forza no espazo da creación poética. O evento estará conducido pola coordinadora do certame a poeta Elvira Ribeiro Tobío e presidido polo alcalde de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís, o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Xoán Xosé Vicente Franco e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. No marco do mesmo terá lugar un recital lírico e a actuación do dúo Aldaolado.