Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames é a guía que presentou este luns 6 de xuño a Real Academia Galega, como continuación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames que elaboraron en colaboración a RAG e o Concello. Co obxectivo de contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística, a publicación pretende construír un plurilingüismo inclusivo que evite a competencia dos idiomas e “que se comprometa co futuro da lingua galega”
Nesta guía formúlanse diferentes propostas para o ámbito educativo poñendo o foco na importancia da percepción das linguas, entre elas o galego. Potenciar a diversidade lingüísticas máis alá das aulas ou levar a cabo proxectos interlingüisticos son algunhas das propostas, que chegan dez anos despois da aprobación do Decreto do Plurilingüismo. Un exemplo é o intento por parte dos profesores de falar galego máis alá das aulas, independentemente da lingua da materia que impartan.
Baixo a premisa de que “o concepto do plurilingüísmo implica sumar e non restar”, os autores formulan a necesidade de estender o ecolingüísmo, un termo que fai fincapé na diversidade lingüística e a responsabilidade cívica que esta implica. Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Beito Silva, María López-Sándes e Gabino S. Vázquez-Grandío son os nomes que se atopan detrás desta publicación.
“Un individuo só é verdadeiramente plurilingüe se sabe ser e comportase de acordo cunha filosofía de respecto e valoración da diversidade lingüística. Unha valoración que, sen chauvinismos, debe comezar pola lingua propia, porque, como canta Mº Xosé Silvar (Sés), ninguén pode amar o alleo se despreza o que ten”, apuntan os autores.
“Un plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construíse a partir do galego”, expón a guía, que quere servir de axuda principalmente ao profesorado, pois os autores, tras a elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, detectaron a necesidade de crear un maior diálogo intercultural na aprendizaxe das linguas, para evitar entender o plurilingüismo das aulas “dende unha visión moi instrumental”.
Tendo en conta o dato de que o castelán é a lingua principal das familias do 70% do alumnado de Ames, a concelleira de Normalización Lingüística sinalou a importancia de “actuar con urxencia, antes de que a desfeita sexa irreparable”
Na presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o coordinador do Seminario de sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guúa María López Sández; o tenente de alcade de Ames, David Santomil; a concelleira de Política Lingüística, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.