A presenza do galego na sinalización pública da cidade da Coruña volveu situarse no centro do debate tras unha publicación difundida nas redes sociais polo concelleiro do BNG David Soto quen cuestionou o uso da lingua en distintos espazos da cidade.
Nunha mensaxe publicada o pasado mércores en redes sociais, Soto relatou a súa visita ao Aquarium da Coruña, onde, segundo indicou, a maior parte dos letreiros e paneis informativos estaban en castelán. Ademais, sinalou que o galego aparecía de maneira limitada, principalmente na denominación de especies co seu nome común, acompañado doutras linguas como o inglés ou o francés. “Ser galegofalante segue sendo sinónimo de ser cidadán de segunda”, afirmaba na súa publicación.
A publicación xerou diversas reaccións, nas que tamén se compartiron outros exemplos sobre o uso da lingua na cidade. Entre eles, incluíuse a imaxe dun cartel institucional no que se podía ler “Ayuntamiento de La Coruña. Servicio de Urbanismo”, así como fotografías de paneis informativos con indicacións maioritariamente en castelán.

Noutro dos casos difundidos, obsérvase un panel direccional con diferentes destinos da cidade no que conviven formas en galego e castelán. Así, mentres aparecen indicacións como “Universidade” en galego, outras como “Salida ciudad”, “Palacio de la Ópera” ou “Casa de las ciencias” figuran en castelán. Tamén se sinala o uso do topónimo “Arteijo”, considerado unha forma deturpada do nome oficial galego.
