Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Narón aposta polo galego dende o turismo, o comercio e a mocidade

O Concello de Narón está a innovar na promoción do galego a través de tres proxectos que conectan coa sociedade dende ámbitos tan diversos como o turismo, o comercio e a mocidade. Así o explicou Adela Pita Permuy, técnica do Servizo de Normalización Lingüística naronés, durante a súa intervención no XXVII Encontro para a Normalización Lingüística, celebrado no Consello da Cultura Galega. Os programas ‘Galego Viaxeiro’, ‘Narón gaña co galego’ e ‘Xera’ forman parte dunha estratexia municipal que busca integrar o galego nas rutinas cotiás da veciñanza e dos visitantes, combinando sensibilización, formación e participación activa.

O galego como experiencia turística

O proxecto ‘Galego Viaxeiro’, iniciado este ano, propón que as persoas que visitan o municipio vivan unha “aventura lingüística” durante a súa estadía. A iniciativa inclúe unha guía trilingüe (galego, castelán e inglés) con vocabulario e frases útiles para pedir en bares e restaurantes, preguntar enderezos, ou coñecer o contorno natural e urbano. O material, dispoñible en formato impreso e dixital mediante código QR, pode recollerse na oficina de turismo, o Pazo da Cultura ou diferentes establecementos hostaleiros da cidade.

A intención é que quen se anime a falar galego durante a súa visita atope tamén resposta nesta lingua por parte dos profesionais locais. “Buscamos poñer en valor o galego a través do turismo e favorecer que se escoite máis”, explicou Pita. O seguinte paso do proxecto será establecer mecanismos de avaliación e realizar accións de sensibilización cos sectores implicados, especialmente na hostalaría e no comercio, para reforzar esa interacción en galego entre visitantes e veciñanza.

O comercio local como motor da lingua

No ámbito económico, ‘Narón gaña co galego’ aposta por visibilizar a lingua no pequeno comercio. O proxecto combina formación, asesoramento e accións de dinamización lingüística en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón.

A formación céntrase en temas de interese para o sector —como o marketing dixital en Instagram, a mellora da imaxe nas redes sociais ou a venda en liña— e inclúe tamén contidos sobre as vantaxes de empregar o galego na atención ao público. As sesións impártense por videoconferencia e inclúen titorías personalizadas para revisar a comunicación de cada negocio.

Ademais, o servizo elaborou materiais descargables para campañas comerciais (cartaces, imaxes para redes, adhesivos para agasallos ou etiquetas para WhatsApp) co obxectivo de animar a mercar en galego e no comercio local. Aínda que a acollida destes materiais foi desigual, accións máis participativas como os obradoiros de cantos de Nadal —nos que veciñanza e familias percorren os comercios cantando e pedindo o aguinaldo— tiveron unha resposta moi positiva. Segundo Adela Pita, os comerciantes valoran especialmente “as accións nas que se visibiliza o comercio e se dinamiza a lingua de forma creativa e directa”.

A mocidade como xeradora de ideas

O terceiro proxecto, ‘Xera’, implica directamente o alumnado da ESO na creación e posta en marcha de iniciativas de normalización lingüística. Cada grupo identifica un ámbito onde considera que o galego está infrautilizado e deseña unha proposta para cambialo. Non se trata só de presentar ideas, senón de desenvolvelas e executalas, asumindo un papel activo na dinamización da lingua.

Ata o momento, dúas propostas destacaron polo seu éxito e repercusión: ‘Froitas e verduras en galego’ e ‘Coida a túa lingua’. No primeiro caso, o alumnado elaborou carteis e folletos con vocabulario das froitarías e mesmo un xogo de cartas para nenos e nenas, distribuído nos comercios locais. No segundo, crearon un xogo educativo sobre léxico sanitario en colaboración co persoal de pediatría do Centro de Saúde de Narón, que entregou os materiais ás familias.

Estes proxectos, sinalou Pita, serven para que a mocidade “detecte que algo vai mal, reflexione sobre a situación da lingua e propoña solucións realistas e creativas”. Ademais, a súa implicación directa facilita o diálogo cos sectores implicados e unha acollida máis entusiasta por parte da comunidade local.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.