Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

María López-Sández, sociolingüista: “O gran reto do galego hoxe non é a competencia, senón o uso”

A sociolingüista María López Sández, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, participa como coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG nun dos proxectos máis destacados de dinamización lingüística no ámbito educativo galego: Modo galego, actívao!. Este programa, impulsado en colaboración co Concello de Ames, combina investigación e acción para analizar os usos lingüísticos da comunidade escolar e promover o galego entre a infancia e a mocidade a través de propostas de carácter lúdico e participativo.

Que aprendizaxes está deixando esta edición de Modo galego, actívao! en termos de participación e implicación da comunidade educativa?

Por unha banda, o programa está a permitir elaborar mapas sociolingüísticos moi detallados da comunidade escolar, cun nivel de representatividade moi alto, porque inclúe tamén ás familias e abrangue unha rede social ampla. Isto dános un coñecemento moi profundo da situación. Por outra, as taxas de participación son elevadísimas, chegando en Ames a arredor do 90 % das aulas, o que indica unha gran receptividade e interese por parte da comunidade educativa. Ao ser unha iniciativa voluntaria, este nivel de implicación amosa que existe unha demanda social clara arredor da cuestión lingüística.

Esa alta participación sorprende nun contexto no que diversos estudos sinalan a escola como un dos principais axentes castelanizadores. Como se explica?

Non é doado explicalo completamente, pero o programa está deseñado dende unha perspectiva da antropoloxía da educación, cun enfoque lúdico, atractivo e motivador. A clave é que o alumnado participe con gusto. Iso tradúcese nunha valoración moi positiva e en ganas de repetir a experiencia. Agora ben, que funcione ben a curto prazo non implica necesariamente que o impacto a longo prazo estea garantido. Para avaliar iso precisamos máis tempo.

Falaba tamén dun “dobre impacto” do programa. A que se refire?

Observamos, por un lado, un efecto claro nos galegofalantes, que experimentan unha sorte de empoderamento. Créanse contextos favorables para o uso do galego e iso fai que muden dinámicas habituais. Hai nenos e nenas que explican que antes eran eles quen cambiaban ao castelán na escola, mentres que durante o programa son os demais quen se adaptan a eles en galego. Iso, aínda que poida resultar paradoxal en Galicia, amosa a importancia de xerar estes espazos.

E no caso de quen non ten o galego como lingua inicial?

Aí entramos no ámbito da revitalización e dos chamados neofalantes. É máis difícil medir o impacto, porque require tempo. O programa comezou en infantil e primaria, pero agora estase a estender á secundaria e a outros ámbitos como as escolas deportivas. Pensamos que funciona como unha semente que pode agromar máis adiante, especialmente na adolescencia, que é cando adoitan producirse decisións lingüísticas máis conscientes.

Considera que é máis doada a concienciación lingüística nas idades máis novas? Que pasa cando falamos de adultos?

En xeral, si, é máis doado na mocidade. Se pensamos noutras cuestións, como a conciencia ambiental, vemos que as xeracións máis novas adoitan estar máis implicadas. É unha etapa na que se cre no cambio e na posibilidade de transformar a realidade. Por iso é fundamental traballar nese momento para construír unha percepción de que o galego é unha lingua valiosa, propia e que merece ser defendida.

O programa incide moito en superar barreiras psicolóxicas. Onde está hoxe o principal problema do galego?

O problema actual é máis de uso que de competencia. Hai moita xente que sabe galego, pero non o emprega porque non se sente cómoda ou pensa que non o fala ben. Por iso é importante crear contextos e dinámicas colectivas que rompan esas barreiras e faciliten o paso da competencia ao uso real.

Considera que iniciativas como esta son suficientes para garantir o futuro da lingua?

Non. Son necesarias, pero non suficientes. Deixar que a situación siga como está implica aceptar a deriva que vemos nas últimas décadas, con problemas na transmisión interxeracional e na elección do galego nos usos habituais. O que se precisa é unha confluencia de esforzos: políticas públicas, sistema educativo, familias e sociedade no seu conxunto.

Que cambios serían necesarios nese sentido?

É fundamental que o galego sexa a lingua por defecto en Galicia, tamén na educación e na vida social. Por exemplo, que as webs institucionais aparezan inicialmente en galego. Ao mesmo tempo, cómpre reforzar o seu uso no lecer, adaptándose aos novos tempos, e aproveitar oportunidades como as que ofrece a intelixencia artificial. Todo isto debe entenderse como un acto de afirmación e de compromiso coa diversidade lingüística. Por outra banda, a chegada de nova poboación doutros contextos é un desafío, pero tamén unha oportunidade. O importante é que esas persoas vexan o galego como unha ferramenta de integración plena, non como unha barreira. Programas como este poden axudar a romper prexuízos e facilitar esa incorporación dende unha perspectiva positiva e inclusiva.

En definitiva, o balance desta edición de Modo galego, actívao! é positivo en termos de participación e acollida social. Agora ben, o verdadeiro reto está en comprobar se ese entusiasmo se traduce nun cambio sostido nos usos lingüísticos. Para iso, fará falta continuidade, tempo e un marco máis amplo de actuación.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.