A Xunta de Galicia recibiu máis de mil achegas no proceso aberto para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega, segundo anunciou este martes o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha rolda de prensa celebrada en Santiago. O responsable autonómico explicou que as propostas chegan tanto das once comisións de traballo formadas por expertos en diferentes ámbitos como das máis de 300 suxestións cidadás remitidas á caixa de correo habilitada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Toda esta documentación está sendo revisada pola comisión técnica coordinada polo académico Manuel González González, encargada de elaborar a versión final do plan. Este proceso complétase coa análise de datos sociolingüísticos do Instituto Galego de Estatística, os resultados da Enquisa de percepción social do galego realizada a 1.200 familias con fillos en idade escolar, e informes de entidades como o Consello da Cultura Galega, un dos primeiros organismos consultados.
Valentín García subliñou que o obxectivo foi “implicar á cidadanía neste procedemento”, en coherencia coa vontade expresada ao presentar o Pacto pola Lingua. “Fixemos un chamamento aos grupos políticos, ás entidades e á poboación en xeral. Estamos cumprindo coa nosa vontade de escoita e análise desde moi diversos puntos de vista”, afirmou. Segundo indicou, as achegas recibidas “coinciden en gran medida cos bloques temáticos das mesas de traballo”, o que confirma que “se está a avanzar na dirección correcta”.
Entre as principais propostas, destacan as que piden reforzar o prestixio social do galego, garantir a súa presenza nas tecnoloxías —como aplicacións, buscadores ou asistentes de voz— e promover contidos dixitais en lingua galega, desde a produción audiovisual ata a publicidade. No ámbito das industrias culturais, moitas achegas suxiren potenciar a programación de contidos e dobraxes en galego e apoiar eventos musicais e escénicos que empreguen o idioma.
No ámbito administrativo, a cidadanía e os expertos reclaman que se garanta a versión en galego de programas informáticos e formularios oficiais, que se use o idioma nas notificacións administrativas e que se reforce a formación lingüística do persoal público. A nivel económico e sanitario, propoñen establecer normas mínimas de uso e cursos de formación específicos para profesionais.
Tamén se destacou a importancia da transmisión interxeracional do galego, promovendo programas de lecer e conciliación en galego, o uso do idioma nas bibliotecas públicas e a actualización de recursos didácticos nos centros escolares, ademais de incentivar o emprego do galego polo profesorado.
As once comisións de expertos seguen a traballar nestes e noutros ámbitos, tras realizar máis de 270 entrevistas con entidades, asociacións e axentes sociais. Segundo explicou García, “os avances son notables” e a folla de ruta continúa conforme ao calendario previsto.
O proceso entra agora na súa fase final, coa previsión de que a redacción definitiva do novo Plan xeral de normalización da lingua galega estea lista a finais de ano, incorporando medidas concretas para o impulso e promoción do uso do galego nos distintos sectores e ámbitos da sociedade.