A primeira edición dos Premios Galegos da Regueifa, EspallaRimas en Carballo, premiou a actuación de Lupe Blanco, coroando a esta muller de Coristanco, bisneta do regueifeiro Blanco de Muíño de Seco, na máxima categoría deste novo certame impulsado desde o xornal La Voz de Galicia co apoio do Grupo Calvo, Xunta de Galicia e Concello de Carballo.
O evento competitivo reuniu na vila bergantiñá a moitos dos intérpretes deste xénero da cultura oral do país. Alí reuníronse a propia Lupe Blanco, xunto con Séchu Sende, Suso de Xornes, Antonio de Xornes e Kike Estévez, que competiron na mesma categoría, RegueiAstros.
No apartado RegueiNovos dos premios participaron persoas de idades variadas pero co común de terse iniciado recentemente nesta arte tradicional. Ignacio Lema Pazos resultou vencedor competido con Óscar García Pombo, Daniel Vilas, O Chaminho; Fernando Mato Vilariño, Carmen María Taibo e Cristian Gómez Mesa. O certame incluíu tamén un recoñecemento honorífico, o premio Valedor ou Valedora da Regueifa, dirixido a persoas que leven moitos anos de traballo dedicados a esta improvisación oral. O primeiro en recibilo foi Carlos Alonso Pereiro, presidente da Asociación Oral de Galicia