“Son paleofalante saído do armario”. Así é como se define Juan Vergara, un vigués de 38 anos que agora está asentado en Bruxelas e que ao cumprir os vinte decidiu deixar de agochar a súa lingua materna, a lingua galega, nas conversas que mantiña na rúa, na escola ou en calquera outro espazo público. Dito doutro xeito, decidiu sacar o idioma da casa. “Cando adquirín conciencia lingüística”, explica, “dinme conta de que o meu comportamento estaba a reforzar a situación diglósica do galego”. Esa reflexión levouno a interesarse por temas vinculados á sociolingüística e mesmo copresenta un podcast, ‘Fóra de mapa’, onde se mergulla nas realidades de pobos e nacións sen Estado en Europa.
Como foi a túa realidade lingüística durante a infancia e a adolescencia?
Foi unha realidade marcada pola diglosia pero tamén polo orgullo de ser galegofalante nunha cidade como Vigo. Obviamente sendo un neno acabas copiando os comportamentos que ves na casa, e o que eu vía era que en Vigo había unha lingua para os contextos privados, ligados á nosa aldea ou con xente coa que había confianza; e outra para o resto de contextos máis “públicos” (escola, actividades de lecer…), onde usaba o castelán porque era a lingua de socialización e porque era o comportamento que vía na casa. Esta diglosia provocaba situacións absurdamente incómodas como ter que escoller a lingua en momentos nos que estaban presentes os meus amigos da escola -cos que sempre falaba castelán- e o meu pai -co que só falo galego-. Sei que soa absurdo pero nesas situacións tiña un dilema moral!
E aos 20 anos decidiches falar só galego en todos os ámbitos. Que te impulsou a dar o paso completo e que reflexión hai detrás?
Dúas cousas, unha maior conciencia lingüística, e por tanto darme conta do absurdo do meu comportamento, e tamén entender que a realidade lingüística galega non era normal. Con ese uso diglósico estaba a reforzar aínda máis esa situación e non estaba a ser coherente coas ideas que eu mesmo tiña. E por outra banda decidín usar só o galego por simple e pura preguiza. Sendo o galego a miña lingua materna e na que penso, ás veces custábame un chisco atopar a palabra correcta en castelán… por tanto, para que facer ese esforzo se total todo o mundo co que me relacionaba entendía o galego?
Bateches con prexuízos ou con algunha dificultade á hora de introducir o galego nos ámbitos máis públicos?
Algúns si, entre certos amigos que se estrañaron por usar o galego. Naquela altura decidira ir estudar a Santiago e recordo comentarios de tipo “ahora que vas a ir a Santiago te pones a hablar gallego” ou certas persoas que me preguntaban “¿y por qué hablas gallego siempre?”. Pero en xeral non houbo problema. Cando reflexionas sobre o conflito lingüístico acabas identificando prexuízos, moitas veces expresados sen maldade, pero que mostran eses estereotipos que recaen sobre os galegofalantes, desde pensar que vivo nunha aldea ata sinalar que falo galego de libro porque non teño gheada ou seseo, ou dicir que uso o galego porque son nacionalista, ou estrañarse porque falo galego fóra do país con outros galegos… Teño notado unha certa condescendencia, pero en xeral diría que non tiven moitas dificultades, aínda que tamén é certo que levo fóra de Galicia 11 dos últimos 15 anos da miña vida, e por tanto teño menos posibilidades de vivir este tipo de situacións.
Foi gratificante ter dado o paso completo ao galego? Que che aportou a nivel persoal? Abriuche portas a novas inquedanzas, novas experiencias…?
Non sei se gratificante é a palabra apropiada pero si penso que foi un paso correcto e coherente, tanto a nivel lingüístico como político, ou sexa, usar o galego sempre e con normalidade, que na situación na que estamos, é un comportamento, por desgraza, cargado de política. Por tanto, a nivel persoal si que me aportou esa “coherencia lingüística”. Esa reflexión sobre os meus comportamentos lingüísticos e os do meu entorno tamén me levaron a interesarme pola sociolingüística e así comprender mellor as razóns e consecuencias de procesos como o que está a sufrir o galego. Ademais, por outra banda, ao usarmos o galego con certas persoas acabamos por convencelos a empregalo tamén. Parte dos meus amigos galegos son castelanfalantes, con estima polo galego, e que por tanto mudan de idioma comigo, sen eu llelo pedir. Por tanto, dalgunha maneira somos dinamizadores. E ademais disto, acho que tamén podo servir como referente para outras persoas, como por exemplo os meus sobriños que viven nun entorno máis castelanizado ca o que me tocou vivir coas súas idades. Véndome falar galego con normalidade poden entender que o galego non limita, non é de vellos ou pailáns.
Como dicías, levas anos vivindo en Bruxelas, e alí formas parte do grupo cultural ‘Couto Mixto’. De que se trata?
O Couto Mixto é unha asociación independente da Xunta e formada por un grupo de galegos residentes en Bruxelas que teñen un importante compromiso pola divulgación da lingua e cultura galegas, nunha cidade na que conviven unha chea delas. Obviamente coa COVID está algo parado pero antes da pandemia organizara conferencias, presentacións de libros, concertos, etc. tanto para a diáspora galega como para calquera residente en Bruxelas con interese pola nosa cultura. Este tipo de eventos son bastante comúns aquí en Bruxelas onde calquera día podes ver un recital de poesía húngaro, un concerto dunha banda catalá ou un festival de cine polaco. E nós como galegos participamos como un elemento máis desa multiculturalidade.
Tamén es a metade, xunto con María Sabarís, do podcast ‘Fóra de Mapa’, onde afondades na historia dos pobos e nacións sen estado en Europa. Destes con algún caso de neofalantismo de linguas minorizadas semellante ao que acontece aquí en Galicia?
Dedicamos un episodio á lingua córnica, que é un caso moi exitoso de “neofalantismo extremo”, xa que o córnico estivo “durmido” durante case 2 séculos e hoxe hai centos de persoas que coñecen o idioma e hai rapaces que son nativos nesta lingua. Tamén ao falarmos de varios pobos como o ruteno, o frisio ou o sámi describimos como nas últimas décadas estas xentes están a vivir un rexurdimento identitario, con cada vez máis iniciativas, organizacións e activistas que buscan garantir a supervivencia destas linguas e identidades. Un caso curioso foi o do estremeñu, que a pesar de ser unha lingua falada no noso Estado, non temos moito coñecemento sobre ela. E en boa parte isto débese á falta de conciencia lingüística que existe entre os propios estremeños, algo que tamén é un reflexo do que sucedía (e nalgúns casos aínda sucede) co galego. Gran parte de falantes de estremeñu pensan que están a usar un dialecto do castelán ou un castelán mal falado, e por tanto teñen interiorizados comportamentos diglósicos. Co podcast pretendemos dar a coñecer estas realidades menos visibles polas que nós podemos sentir unha maior empatía, e á vez as súas loitas tamén nos poden axudar a comprender mellor a nosa realidade.
Desenvolviches un traballo fin de mestrado na KU Leuven sobre a situación do galego e as políticas lingüísticas. Que papel cumpren as persoas neofalantes no futuro da lingua?
A nivel cuantitativo se queremos recuperar o galego non queda outra que gañar falantes que antes usaban outro idioma, normalmente o castelán. E os neofalantes poden servir de referentes a moitas persoas que teñen interiorizados os estereotipos de sempre. Xa no nivel cualitativo os neofalantes son moi importantes porque normalmente teñen unha maior lealdade e dinamismo con respecto aos galegofalantes tradicionais. Para mudar de lingua e pasar dun idioma normalizado, hexemónico en certas zonas do país e sobre o que non recaen prexuízos para falar outro ao que lle sucede o contrario hai que ter moita motivación, compromiso e vontade. E esa vontade tamén se adoita poñer en usar un galego correcto a nivel de léxico ou en mellorar o dominio da lingua, algo relevante tendo en conta o nivel de “hibridación lingüística” que sofre o galego. Mais tamén por outra parte, a fonética e prosodia claramente influenciada polo castelán fai que se abran outros debates sobre cal é o galego lexítimo, os prexuízos contra este colectivo por parte dos paleofalantes, cales son as mellores maneiras de dar o paso…
Para rematar, Juan, que consello darías a persoas que poden estar indecisas ou non se atreven a dar o paso a mudar do castelán ao galego?
Entendo que se unha persoa non se atreve a dar o paso é porque xa pensou en facelo… e se o pensou será porque ten estima polo idioma. Mais co simple aprecio non cambiamos as cousas e as tendencias son as que son. Obviamente non é algo simple, e pode levar tempo facer un cambio completo ou parcial, mais debo dicir que a sensación de realización é bastante satisfactoria. Ademais a día de hoxe hai moitas persoas que están a facer unha chea de cousas en galego, por tanto recomendaría que se sumen a estas comunidades (Twitch en Galego, Faladoiros, Rol en Galego, Podgalego, clubs de lectura, actividades en centros sociais, mesmo o “galitwitter”…). Coñecerán unha chea de xente interesante e enriquecedora coa que crear vínculos e usar a lingua.