Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

iLingua, un proxecto para promover investigacións en lingüística de primeiro nivel

Preto de 80 expertas e expertos integran xa o primeiro instituto de investigación do ámbito das Humanidades da Universidade de Vigo (UVigo), iLingua, impulsado por uns 38 investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución en 2021.

O seu obxectivo é promover e realizar investigacións en lingüística de primeiro nivel, priorizando os proxectos conxuntos e a captación de fondos. Precisamente, na actualidade os profesionais adheridos ao Instituto non proceden soamente das áreas de filoloxía ou tradución, senón tamén de educación, socioloxía e psicoloxía. Aumentar a visibilidade científica e social dos grupos de investigación en linguas e lingüística, desenvolver proxectos conxuntos e sinerxías entre distintos ámbitos e incrementar a captación de recursos humanos en convocatorias competitivas son as principais razóns que xustificaron no seu día a posta en marcha de iLingua.

Na presentación do programa, o director de iLingua, o catedrático do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Javier Pérez Guerra, subliñou que rendibilizar a experiencia organizativa e colaborativa dos grupos e o seu impacto e aproveitar a oportunidade para proxectos conxuntos e sinerxías entre os ámbitos filológico, a tradución e interpretación e afíns son accións “fundamentais” para romper co que definiu como “non saber que temos do outro lado do pladur”, en referencia ao descoñecemento sobre o traballo doutros investigadores da Facultade. A captación de recursos humanos e de fondos son outras das súas prioridades nas que incidiu o director de iLingua.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.