Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Gabriela, unha neofalante de Bolivia autodidacta: “O galego foi para min unha elección de vida”

Amo moitísimo Galicia e unha das cousas que sempre quixen foi falar a vosa lingua“. Así comeza o relato de Gabriela, unha boliviana que chegou á Coruña hai case sete anos e que decidiu, de maneira consciente, facer do galego unha parte central da súa vida. A súa historia, contada con entusiasmo e moita emoción, amosa como a lingua galega pode ser tamén unha opción de pertenza e identidade para quen chega de fóra.

Gabriela lembra que antes de instalarse en Galicia non coñecía a existencia do galego. “Antes de chegar, só escoitara falar do catalán ou do éuscaro. Do galego, en Sudamérica, apenas se sabe nada”, afirma. A súa primeira impresión foi de sorpresa: “Tiña unha imaxe moi estereotipada de España, asociada ao sur, ás danzas e á música flamenca”.

Un proceso autodidacta e con moito esforzo persoal

Ao pouco de chegar, Gabriela sentiu a necesidade de aprender o idioma que escoitaba ao seu redor. “Dende que o escoitei, sempre quixen aprendelo”, asegura. A falta de coñecemento inicial non foi impedimento: “Aprendín de xeito autodidacta, buscando recursos no Portal da Lingua Galega e aproveitando formacións gratuítas da Xunta para preparar os exames Celga”, explica. Con perseveranza, superou primeiro o Celga 2 en 2019, e logo os Celga 3 e 4 en 2020.

O proceso non foi doado. “As primeiras veces custaba moito entender, especialmente polos diferentes acentos, que ás veces fan máis difícil a comprensión”, conta. Con todo, Gabriela nunca perdeu a motivación: “Sempre quixen formar parte de Galiza, tamén a través da súa lingua”.

“A xente sorpréndese cando lles falo en galego”

Vivir en galego sendo migrante non sempre é sinxelo. Gabriela explica que, de maneira automática, moita xente diríxese a ela en castelán, asumindo que é de fóra. “Podería ser unha migrante de segunda xeración e estudar aquí, pero igualmente falanme en castelán”, lamenta. Ademais, sinala que na Coruña o uso do galego é menos habitual que noutras zonas: “Cando traballei en Santiago, por exemplo, notei que se falaba máis galego, tamén comigo”.

Aínda así, Gabriela esfórzase por manter a lingua no seu día a día. “Tento usalo en espazos de ocio, en reunións, sempre que podo”. E recoñece que a sorpresa é frecuente: “A xente nunca espera que eu fale galego, pero cando o fago, en xeral tómano moi ben”.

A súa personalidade aberta tamén axuda: “Non teño moita vergoña, non penso demasiado antes de falar. Creo que iso facilita que a xente se solte máis e queira falar tamén en galego comigo”.

Gabriela traballou nunha ONG onde o galego era requisito indispensable pola normativa de subvencións da Xunta. “Foi unha experiencia moi enriquecedora”, recoñece. Esta vivencia reforzou a súa relación coa lingua, que hoxe considera parte esencial da súa identidade de acollida.

Ademais de aprender galego, creou os seus propios métodos para seguir mellorando. “Cando escoito unha palabra nova, apúntoa en papeis pequenos para aprender vocabulario. É unha maneira sinxela e accesible de seguir avanzando, sen necesidade de tecnoloxía”.

A música tamén xogou un papel fundamental no seu proceso. “Vou moito a festivais e gústame tanto a música máis tradicional, como Luar na Lubre, como grupos máis actuais, como Rebellion do Inframundo”, comenta. Tamén destaca o papel de programas como o Xabarín Club como ferramenta para a aprendizaxe da lingua de forma lúdica.

A lingua, “algo noso e irrepetible”

Gabriela reflexiona tamén sobre o valor simbólico das linguas minoritarias. Desde a súa propia experiencia persoal, lembra: “Eu perdín o aimara e o quechua que falaban os meus avós, e para min é unha mágoa moi grande, porque é parte da miña historia que se perdeu”.

Por iso, lanza unha mensaxe clara á sociedade galega: “A xente debe entender que o galego é algo seu, parte da súa identidade, e que é irrepetible. Se se perde, morre”, advirte.

Gabriela non ve o galego como unha obriga, senón como unha oportunidade de conexión cultural e emocional: “É importante que se fomente o galego, que se recoñeza a súa riqueza, porque manter unha lingua non é doado nun mundo onde predomina o castelán ou o inglés“.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.