Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Esperanza Aguirre desata a polémica ao defender o uso da forma deturpada ‘Sangenjo’ en televisión

A expresidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, converteuse nas últimas horas en protagonista dun momento televisivo que correu como a pólvora polas redes sociais. A polémica xurdiu no programa En boca de todos (Cuatro), cando defendeu con firmeza que ao municipio pontevedrés de Sanxenxo debe chamárselle Sangenjo en castelán.

“Toda a vida se chamou Sangenjo e nós seguimos chamándoo Sangenjo co teu permiso”, afirmou Aguirre en conversa cun creador galego convidado ao programa. A súa declaración provocou reacción inmediata do tamén participante, coñecido en TikTok como @martin_dolphin, que cuestionou a lóxica da exdirixente popular. “A tradución literal de Sanxenxo é San Ginés”, respondeu con ironía, engadindo que en Madrid “San Ginés é unha chocolatería que moitos galegos visitan porque abre ata as cinco da mañá despois das festas”.

Aguirre insistiu na súa postura, argumentando que “a cada cousa se lle chama coa lingua común”. Poñendo exemplos, declarou: “Eu vou a La Toja, que se poderá dicir La Toja, non? Eu chámoo La Toja, e a El Grove, El Grove. Máteme, pero a miña lingua é o castelán”.

A resposta galega non se fixo agardar. O vídeo do momento, difundido en redes sociais, foi compartido miles de veces en poucas horas. O propio creador reaccionou con dureza: “Imos volver cen anos atrás e facer o que se facía antes. Como eu son galego e a miña lingua é o galego, se o teu fillo se chama Ángel eu vou chamalo Anxo. Por que non? Se son galego, non?”. E concluíu cualificando a Aguirre de “non estar moi fina”.

A controversia reabriu un debate recorrente sobre o uso e respecto dos topónimos oficiais en Galicia, onde a lei establece que a única forma oficial é a galega. O episodio tamén puxo de novo o foco na percepción do galego como idioma propio en risco e nas tensións que xorden cando se castelanizan os nomes de lugares recoñecidos internacionalmente, como é o caso de Sanxenxo.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.