A presenza galega no Brasil constitúe un dos capítulos menos coñecidos da diáspora galega. Entre finais do século XIX e comezos do XX, milleiros de galegos cruzaron o Atlántico atraídos polas oportunidades económicas que ofrecía a Amazonía durante o chamado boom do caucho. Unha parte importante daqueles emigrantes instalouse na cidade de Belém do Pará, considerada a porta de entrada á rexión amazónica.
Segundo explica o investigador Carlos Cernadas Carrera, profesor titular da Universidade Federal do Pará (UFPA), estímase que arredor de 15.000 galegos chegaron ao estado brasileiro de Pará, concentrándose boa parte deles na capital. A súa presenza estivo directamente ligada ao desenvolvemento da industria do látex, impulsada pola explotación da seringueira, a árbore da que se obtén o caucho.
“En Belém chegaron un número significativo de galegos a finais do século XIX e comezos do XX. Houbo un boom económico provocado pola explotación do látex e pola demanda mundial deste produto coa expansión da industria automobilística”, explica Cernadas.
Aquel crecemento económico non durou moito. A partir de 1915 o sector entrou en crise cando o cultivo da seringueira comezou a expandirse no sueste asiático, especialmente en Indonesia, tras a introdución de sementes levadas por británicos dende a Amazonía. Co declive da economía do caucho tamén se reduciu o fluxo migratorio cara á rexión, deixando tras de si unha comunidade galega cada vez máis reducida.
Co paso das décadas, os descendentes daqueles emigrantes integráronse na sociedade brasileira, aínda que moitos mantiveron vínculos culturais coa terra de orixe. Nese contexto sitúase o proxecto de investigación que Cernadas está a desenvolver durante a súa estadía no Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo principal do seu estudo é analizar como se constrúe hoxe a identidade cultural da comunidade galega de Belém, e que papel ocupa nela a lingua galega en relación con outros elementos culturais como a gastronomía, a música, as celebracións ou a memoria familiar.
“Quero investigar como é actualmente a relación entre lingua e identidade cultural da comunidade galega en Belém do Pará”, resume o investigador. O proxecto parte da idea de que as identidades culturais das comunidades migrantes se constrúen a través dun conxunto de prácticas simbólicas, entre as que a lingua ocupa historicamente un lugar central. Non obstante, ese papel pode cambiar co paso das xeracións e coa integración na sociedade de acollida.
No caso da diáspora galega no Brasil, a presenza dominante do portugués condicionou de maneira significativa a evolución do galego dentro destas comunidades.
Lingua, memoria e identidade na diáspora
A investigación pretende analizar esa transformación a través dun estudo interxeracional centrado nunha familia da comunidade galega de Belém. O traballo comparará as experiencias e percepcións de polo menos dúas xeracións distintas para observar como se transmiten —ou se perden— determinados elementos culturais.
Entre as preguntas que orientan o estudo figuran cuestións como o xeito no que se formou historicamente a comunidade galega en Belém, que elementos culturais galegos seguen presentes na actualidade, que papel ocupa hoxe a lingua galega dentro dese conxunto de prácticas culturais ou que diferenzas existen entre xeracións en relación co coñecemento ou o uso do galego.
O proxecto adopta unha metodoloxía cualitativa de carácter sociolingüístico e antropolóxico, baseada principalmente na realización de entrevistas semiestruturadas. Estas conversas permitirán recoller recordos, experiencias e percepcións dos membros da comunidade.
As entrevistas organizaranse arredor de varios eixos temáticos, entre eles:
-
Uso da lingua galega, tanto no pasado como na actualidade.
-
Prácticas culturais galegas, como a música, a gastronomía ou as celebracións.
-
Memoria migratoria e relatos familiares.
-
Transmisión interxeracional da identidade.
-
Formas de autodefinición identitaria, entre Galicia e Brasil.
Segundo explica Cernadas, este tipo de aproximación permite comprender mellor os significados que as persoas atribúen á lingua e aos elementos culturais que herdaron dos seus antepasados.
O galego entre o uso e o símbolo
Un dos aspectos centrais da investigación é determinar que lugar ocupa hoxe o galego na comunidade galega de Belém.
A hipótese inicial do investigador é que a lingua pode ter pasado, en moitos casos, de ser unha lingua de uso habitual a converterse nun elemento simbólico ou patrimonial, asociado á memoria familiar e ás tradicións culturais. “Quero saber se o galego segue a falarse ou se é máis unha lingua de carácter simbólico que se rescata en momentos puntuais”, explica.
Cernadas sinala que nas primeiras xeracións de emigrantes o galego continuou empregándose durante décadas, aínda que en contacto permanente co portugués. Co paso do tempo, esa situación mudou.
“As primeiras xeracións que chegaron a Belém falaban galego mesmo despois de trinta ou corenta anos vivindo alí, aínda que moi influído polo portugués. Non había unha transición clara entre falar galego e falar portugués, era un código mesturado”, lembra.
Na actualidade, a situación é distinta entre os descendentes máis novos. “As persoas da miña xeración falan portugués. Non falan galego habitualmente. Poden recoñecer algunhas palabras ou empregar expresións illadas, pero non teñen un dominio pleno da lingua”, explica.
Segundo o investigador, un dos factores que inflúe na transmisión do galego en Brasil é a proximidade lingüística entre o galego e o portugués: “Un galego que emigra a Suíza enfróntase a linguas moi diferentes. En cambio, en Brasil a lingua da sociedade de acollida é moi próxima ao galego”.
Esta proximidade fai que a fronteira lingüística entre comunidade emigrante e sociedade de acollida sexa menos marcada que noutros contextos migratorios.
“Un brasileiro entende perfectamente cando alguén fala galego, e un galego entende o portugués. Esa liña de separación lingüística non é tan evidente”, explica.
Ao mesmo tempo, o investigador destaca que os falantes brasileiros son capaces de distinguir claramente ambas linguas.
“Os meus alumnos entenden o galego e percíbeno como unha lingua intermedia entre o castelán e o portugués, pero saben que non é portugués”, indica.
Que é unha lingua de herdanza
A investigación de Cernadas inscríbese no campo das chamadas linguas de herdanza, un concepto cada vez máis presente nos estudos sociolingüísticos sobre migración.
Segundo explica, unha lingua de herdanza é aquela transmitida no ámbito familiar polos pais, avós ou outros membros da familia, e que é diferente da lingua dominante da sociedade na que vive o individuo. “É unha lingua que ti herdas dos teus antepasados. Iso non significa necesariamente que teñas un dominio completo dela”, aclara.
Estas linguas adoitan desempeñar un papel relevante na construción da identidade cultural das comunidades migrantes. Porén, ao coexistir cunha lingua dominante con maior presenza social —na escola, nos medios ou na administración— poden experimentar procesos de debilitamento ou perda.
Segundo o investigador, algo semellante podería estar ocorrendo co galego en Belém, aínda que a investigación pretende analizar con maior profundidade esa realidade.
O proxecto tamén examinará outros elementos culturais asociados á identidade galega na diáspora, como a gastronomía, a música tradicional ou as celebracións familiares.
En moitos contextos migratorios, cando a lingua perde presenza, outros elementos culturais pasan a ocupar un papel máis destacado na definición da identidade colectiva.
Cernadas menciona como exemplo o caso das comunidades xudías sefarditas da Amazonía, que tamén estudou noutras investigacións. Tras varios séculos de migracións e integración nas sociedades de acollida, a súa lingua tradicional foi perdendo falantes ata quedar como un elemento cultural máis.
“Cando as comunidades se integran na sociedade de acollida, a lingua deixa de ser o principal marcador identitario e pasa a convivir con outros elementos como a gastronomía, a música ou as tradicións”, explica.
Colaboracións académicas entre Galicia e Brasil
A estadía de Carlos Cernadas no Instituto da Lingua Galega tamén busca fortalecer as relacións académicas entre universidades galegas e brasileiras.
Segundo o investigador, as colaboracións existentes son aínda maioritariamente iniciativas impulsadas por investigadores concretos, a través de congresos, proxectos ou acordos institucionais.
“Moitas veces as colaboracións xorden a nivel individual, a partir de contactos entre profesores que organizan congresos ou proxectos conxuntos”, sinala.
No seu propio caso, Cernadas chegou a impartir docencia na Universidade Federal do Pará grazas a un acordo entre a Universidade de Vigo e a universidade brasileira, promovido a través de contactos académicos.
As universidades brasileiras contan con oficinas específicas de relacións internacionais encargadas de tramitar este tipo de convenios, que permiten desenvolver intercambios de profesorado, investigacións conxuntas ou estadías académicas.